O goberno central non modificará á ubicación do tanque de tormentas do parque "Pablo Iglesias"
Ferrol 2 de outubro de 2013. O goberno do estado recoñeceu ao Bloque Nacionalista Galego que é coñecedor das discrepancias xurdidas pola ubicación dun tanque de tormentas no parque Pablo Iglesias pero que, pese a estas, non vai modificar a súa ubicación. Así mesmo o BNG censura que non se plantexaran alternativas a esta ubicación e se aposte unicamente por aminorar o impacto do proxecto.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que existen alternativas, que non foron valoradas polo goberno central, para situar o tanque de tormentas previsto para o parque Pablo Iglesias noutro emprazamento e evitar que este tipo de instalacións se ubiquen en parques públicos. Lembra, ademáis, que o Estado, propietario de máis do 20% do solo urbano do Concello, posúe terreos nas inmediacións do parque, como as instalacións da escola Antonio de Escaño e o servizo de repostos da Armada, polo que existen alternativas que deberían ter sido en conta para á ubicación do tanque de tormentas e evitar que se ocupe o parque.
O BNG lembra que esta obra, que falazmente se nos quere vender como un investimento do estado na cidade, se desenvolve mediante un convenio asinado entre o concello de Ferrol e o Ministerio Fomento a traves de ACUAES, onde o estado non pon un só euro, xa que o 80% se financia con fondos europeos e o 20% restante: un 10% é finaciado por Augas de Galicia e o outro 10% a través dos concellos de Ferrol e de Narón. Polo que xa que é unha obra que pagada en parte polo Concello o normal sería que a administración municipal puidera decidir sobre o trazado desta infraestrutura.
O Goberno central recoñece en resposta ao BNG que modificou o proxecto, non a súa ubicación, para minimizar o impacto visual e funcional e que o mesmo foi presentado a técnicos do Concello e representantes veciñais. O Goberno central argumenta a súa posición en que a ubicación do tanque de tormentas neste parque público, está condicionada pola existencia previa de infraestruturas hidráulicas, en concreto, din que o tanque se sitúa na confluencia do interceptor xeral co colector do río do Tronco.
Asi mesmo na súa resposta o se indica que co obxecto de minimizar as afeccións as vivendas e evitar molestias na avenida de Esteiro, vaise rehabilitar interiormente o interceptor xeral existente que discurre por esta vía.
O BNG, como se lembrará, considera que a ubicación deste tanque de tormentas no parque Pablo Iglesias vai supor a destrución de máis dun 10% da superficie desta importante zona verde e que afectará ao lugar máis concorrido deste espazo a zona de xogos infantís e a zona máis próxima ás vivendas. Unha ubicación que afectará negativamente à masa arbórea, asi como o impacto estético pola instalación dun edificio de 14 metros de lado e catro metros de altura, sen esquecer o impacto acústico e os olores que provirán de dito tanque.