O BNG urxe ao goberno local a tramitar a ordenanza de accesibilidade
Ferrol 27 de abril de 2022. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol defendeu esta mañá a necesidade de que Ferrol aprobe a Ordenanza de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e esixiu ao goberno local que non demora máis a súa tramitación.
Iván Rivas, portavoz municipal BNG, considera que a nosa cidade non debe seguir agardando máis para poder contar cunha normativa destas características e defendeu tramitar esta ordenanza con carácter prioritario co obxectivo de contribuir a mellorar a accesibilidade no concello.
O BNG lembra que levamos agardando por esta Ordenanza moitisimos anos e que tras presentarse múltiples borradores, e pasar varios gobernos, esta normativa nunca chegou a aprobarse nin a publicarse definitivamente. Así mesmo, cómpre lembrar que o ano pasado o actual goberno municipal anunciou que ia retomar a súa tramitación, abrir un período de consultas para que as entidades interesadas puideran realizar aportacións Á mesma pero isto nunca chegou e efectivizarse. Un feito que se suma aos reiterados incumprimentos de acordos e anuncios do goberno local.
Iván Rivas tamén fai referencia a que os borradores existentes non se axustan à normativa actual tanto a galega como a estatal polo que é imprescindíbel a súa actualización e ter en conta a opinión dos colectivos afectados que levan tamén agardando por ela moitos anos.