O BNG propón a xestión pública do complexo deportivo e a piscina da Malata
Ferrol 4 de maio de 2021. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol considera que a mellor solución para o complexo deportivo e a piscina da Malata é a xestión publica e directa por parte do concello destas instalacións e insta ao goberno local a desbotar a proposta de volver a privatizar esta infraestrutura deportiva.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera un auténtico despropósito querer privatizar esta infraestrutura mediante un contrato de 40 anos. Rivas afirma que o estudo económico presentado polo goberno municipal demostra que tanto os investimentos que precisa a instalación como o seu mantemento son perfectamente asumibles polas arcas municipais e que ademais a xestión pública da mesma será beneficioso para as usuarias e usuarios.
Para o BNG privatizar esta instalación mediante un contrato cunha duración de 40 anos non ten nin pés nin cabeza. Sinala que o estudo económico apresentando a renovación da instalación se pretende financiar mediante 1 millón de euros que van pagar os veciños e veciñas de Ferrol directamente a través das arcas muncipais xunto cos abonos dos usuarios e usuarias. A empresa concesionaria so fará unha aportación de fondos propios de 1,2 millóns de euros e o resto se financiará mediante un crédito de 2,4 milóns de euros e un leassing de 400.000€.
Para o BNG os 1,2 millóns de euros de fondos propios que vai aportar inicialmente a empresa privada son perfectamente asumíbel polo concello de Ferrol, sobre todo, se temos en conta que imos ter que pagar 1 millón de euros de maneira directa ao concesionario ademais dos abonos.
Para o BNG a única alternativa viábel é a xestión pública e directa da instalación polo que lle pedimos ao goberno local que rectifique.
O BNG lembra que na cidade temos 3 piscinas públicas, a de Caranza, que está colapsada, a de Batallóns, propiedade do Ministerio de Defensa e que fai uso dela de maneira exclusiva e esta da Malata que até o de agora estaba privatizada. Tendo en conta que en Ferrol hai unha alta demanda destas instalacións non deberiamos deixar pasar a oportunidade para poder recuperala e adaptala as necesidades da cidade. Así mesmo a xestión publica da mesma permitiria adaptar e reducir os prezos dos abonos en función das posibilidades e das rendas dos veciños e veciñas de Ferrol.