O BNG propón recuperar a pantalla vexetal do paseo peonil à beira da AP-9 eliminada no mes de agosto
Ferrol 24 de outubro de 2022. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol propuxo ao goberno local, na pasada comisión de urbanismo, que recupere con especies autóctonas a pantalla vexetal que existía no paseo peoníl que vai da Malata até Santa Mariña en paralelo á autoestrada e que foi eliminada o pasado mes de agosto.
María do Mar López, concelleira do BNG, afirma que non se comprende a eliminación das arbores existentes xa que estas desenvolvían a labor de pantalla de protección visual e acústica nesta zona de paseo e de vivendas polo que insistiu na necesidade de reparar o dano medioambiental cunha nova plantación de árbores, e defendeu que para este caso se aposte por árbores autóctonas.
O BNG considera que para este fin deberíase apostar pola plantación xa neste inverno dunha serie árbores, que substitúan aos choupos eliminados, combinado diversas especies como faias, castiñeiros ou freixos.
María do Mar López defende que Ferrol non debe seguir perdendo masa arbórea é por isto que considera que hai que buscar alternativas para a reposición das arbores taladas e se a xustificación para a tala dos choupos era que casusaban problemas de mantemento o lóxico é substituílas por outras especies máis acaidas.