O BNG considera que os orzamentos da Xunta non aportan ningunha solución de futuro para Ferrol
Ferrol 21 de outubro de 2022. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no concello de Ferrol, considera que os orzamentos da Xunta para o 2023 na nosa cidade non aportan ningunha solución de futuro para os problemas da nosa cidade e considera que os representantes políticos do PP en Ferrol debería caerlles a cara de vergonza por defender a política da Xunta de Galiza para a nosa cidade que pasa pola precarización de servizos básicos como o ensino, a sanidade ou o transporte.
Para o BNG unha proba disto é que o orzamento previsto para a estación intermodal é ridículo dado que estamos a falar de 154.167 euros que en comparación co previsto par o resto de cidades demostra a nula intención por mellorar a mobilidade por parte da Xunta na cidade.
Iván Rivas cre que si realmente existise algunha vontade por resolver os problemas de mobilidade e transporte na cidade, a Xunta de Galiza destinaría fondos específicos para mellorar a conexión de transporte público por estrada coa cidade de A Coruña para a cal non existe un só euro. Do mesmo modo que nada se prevé para a mellora do transporte metropolitano. No canto disto insiístese na na propaganda de desenvolver unha estación intermodal para a que non se lle dota de recursos económicos e que no caso de Ferrol xa existe debido á proximidade da estación de tren e de bus e que por tanto só precisaría de mellorar a conexión peonil entre elas para dotalas desa intermodalidade.
Para Iván Rivas isto demostra que á Xunta de Galiza, en materia de transporte por estrada na cidade, o único que lle interesa é entregar estes servizos ás empresas concesionarias o que está a provocar unha redución de servizos, un constante cambio de horarios que supón un empeoramento das condicións e unha mala calidade do mesmo para os seus usuarios e usuarias.
O BNG sinala que tampouco existe a máis mínima dotación económica respecto da ría de Ferrol e a necesidade de avanzar na súa rexeneración. Non existe un só euro previsto para desenvolver o estudo que reclaman as confrarías sobre os fondos da ría que permita acometer a súa rexeneración nin por parte da consellería de pesca nin por parte da empresa a quen lle correspondería desenvolver este estudo, o Instituto Tecnolóxico para o medio Mariño.
Así mesmo e en relación coa rehabilitación, o plan Rexurbe destina 3 millóns de euros para toda a provincia de A Coruña o que para a cidade supón unha cantidade de fondos tan ridícula que demostra que este Plan non é máis que un instrumento de propaganda do PP sen plasmación práctica.
O BNG tamén sinala que a dotación prevista para o desenvolvemento do plan director do CHUF estase a converter nun clásico nos orzamentos da Xunta que pese a que se repite ano tras ano o PP considerao, ano tras ano, como o gran investimento na cidade. Mais fora deste proxecto eterno non hai nada para centros de saúde, residencias de maiores ou escolas infantís.
Do mesmo xeito tampouco se prevé ningún investimento cultural na cidade como tampouco existen fondos de ningún tipo para a rehabilitación da Casa de Carvalho Calero, demostrando novamente que os anuncios do PP na cidade teñen pouco valor.
Iván Rivas preguntouse onde quedou o Pacto de Estado por Ferrol reconvertido nestes orzamentos na adquisición dun local para destinalo a oficina de emprego por 250.000 e que demostra que os anuncios feitos polo PP nesta cidade respecto deste Plan non eran máis que un engano.