O BNG propón que Ferrol solicite fondos do programa de impulso á rehabilitación de edificios públicos

Iván Rivas e María López
Iván Rivas, portavoz do BNG en Ferrol, sinala que a cidade de Ferrol non pode deixar pasar esta oportunidade de optar a unhas axudas que contribuirían á recuperación do amplo parque de edificios públicos que ten a nosa cidade.
O BNG propón que Ferrol solicite fondos do programa de impulso á rehabilitación de edificios públicos

Ferrol 20 de abril de 2022. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol propón ao goberno municipal tres actuacións para participar na convocatoria de axudas do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos de entidades locais (Pirep Local) no marco da convocatoria de axudas que o goberno central desenvolve no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Iván Rivas, portavoz do BNG en Ferrol, sinala que a cidade de Ferrol non pode deixar pasar esta oportunidade de optar a unhas axudas que contribuirían á recuperación do amplo parque de edificios públicos que ten a nosa cidade, mellorando a renovación enerxética dos mesmos procurando a sostenibilidade ambiental dos mesmos, a accesibilidade física, cognitiva ou sensorial. A falta de 5 días para que remate o prazo de presentación de solicitudes para a primeira das liñas subvencionables (25 de abril) o goberno de Angel Mato non ten informado se fixo algunha proposta para acceder a uns fondos que poderían chegar aos 6 millóns de euros.

Iván Rivas, portavoz nacionalista no concello de Ferrol, considera que o goberno municipal, unha vez máis, non actúa coa previsión necesaria e vai perder a oportunidade de contar con fondos públicos para mellorar os edificios públicos da cidade tan necesitados de investimentos e que supón investir no conxunto da veciñanza da Ferrol.

O plan permite aos concellos de máis de 50.000 habitantes desenvolver 2 solicitudes dentro da liña 1, destinada a reducir un 30% o consumo de enerxía non renovable nos edificios públicos.

Listado de actuacións

Iván Rivas, portavoz do BNG, sinala que o estado do parque de edificios públicos da cidade que precisarían renovar as súas instalacións e que poderían optar a estas axudas é tremendamente amplo, polo que parece incríbel que o goberno municipal non tivera reparado nisto. Así mesmo a participación nesta convocatoria debe formar parte dunha estratexia municipal baseada na recuperación do patrimonio municipal.

O BNG considera que o goberno local debería aproveitar estas axudas para solicitar fondos para completar a rehabilitación do edificio do Antigo Hospicio mediante a execución da 2ª fase que ten a súa fronte cara a praza de Amboaxe e que posibilitaría completar a recuperación total deste inmoble. O mercado municipal de Caranza co desenvolvemento da segunda fase deste proxecto é outra das posibilidades que poderían optar a estas axudas europeas.

O BNG propón así mesmo que o concello presente unha proposta encamiñada a promover a accesibilidade inclusiva no conxunto dos edificios municipais que contribúa a promover a autonomía de todas as persoas por ser este un dereito universal. O BNG quere que con estes fondos se eliminen todas as barreiras arquitectónicas nos edificios públicos dependentes do concello de Ferrol e se complemente esta actuación con medidas que fomenten a autonomía das persoas con capacidades diversas, é hora de adaptar os edificios municipais e ter en conta a accesibilidade cognitiva mediante o uso de pictogramas, a redución de ruídos e a iluminación axeitada.

ResponderReenviar

O BNG propón que Ferrol solicite fondos do programa de impulso á rehabilitación de edificios públicos