O BNG propón no pleno esixir á Xunta a reforma integral do Concepción Arenal
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, reclama que a Xunta elabore un proxecto de reforma integral deste centro e o dote economicamente para que se poida facer efectivo. .
Ferrol 26 de outubro de 2022. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol defenderá no pleno de fin de mes unha iniciativa para esixir á Xunta de Galiza que acometa unha reforma integral do IES Concepción Arenal que inclúa dotar ao centro dun espacio exterior cuberto.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, reclama que a Xunta elabore un proxecto de reforma integral deste centro e o dote economicamente para que se poida facer efectivo. Esta iniciativa nacionalista recolle as demandas da comunidade escolar e foi trasladada a Dirección do centro nun encontro mantido co seu director.
O BNG sinala que a falta dun espacio exterior cuberto, unido ao aumento de horas lectivas de Educación Física, obriga a ter que impartir algunha destas aulas nos corredores do instituto e impide que nos casos de mal tempo o alumnado poida sair ao exterior nos recreos.
Asi mesmo reclaman que se aumente o número de conserxes, precisarían un a maiores dos actuais, para poder atender as necesidades dun centro que conta cunha matrícula que supera os 850 estudantes.
O paso do tempo nótase no estado deste instituto, nun edificio dos anos 50, e no que os corredores presentan graves deficiencias debido ao seu desgaste e humidades. Os zócalos do centro estanse a desprender literalmente. A maioría das portas do centro non foron cambiadas desde a súa inauguración, o que provoca problemas co sistemas de pechadura, por obsoletos, deficiencias co illamento acústico das aulas etc.
Existen outras zonas do centro que tamén presentan problemas de conservación como a antiga cas do director debido ás humidades provocadas polas deficiencias existentes na cuberta do instituto. A fachada principal tamén sofre as humidades e o desconchado da súa pintura. Precisan a mellora tanto dos corredores e das escaleiras do centro, novas portas, unha nova iluminación interior, a reparación das deficiencias estruturais, o espacio exterior cuberto e a necesidade dunha praza máis de conserxería.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, afeou a actitude da Consellería de Educación, que sendo consciente da situación e das necesidades deste instituto a través da xefatura territorial da consellería a quen se lle trasladaron as demandas do consello escolar para paliar esta situación, que o BNG comparte, rexeita estas demandas.
O BNG quere salientar que todas estas deficiencias, unidas ao tamaño do edificio e as múltiples reparacións ás que terían que facer fronte, ao Instituto resúltalle inviable afrontalas co orzamento do que dispón o centro.