O BNG insta a Mato a facer pública a súa proposta de zona de baixas emisións.
Ferrol 28 de outubo de 2022. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol exixiu esta mañá ao alcalde da cidade, o socialista Anngel Mato, que faga pública a proposta do goberno local para cumprir coa obrigatoriedade de que Ferrol conte cunha zona de baixas emisións o 1 de xaneiro tal e como fixa a lei de cambio climático e transición enerxética.
Iván Rivas, portavoz do BNG no concello de Ferrol, considera preocupante a pasividade do goberno municipal que expón á cidade a ser sancionada. Ademais sinalou que existen alternativas que evitarían ter que impoñer unha nova taxa aos veciños e veciñas da cidade e lembrou a proposta nacionalista da peonalización integral do barrio da Madalena co obxectivo de recuperar as rúas par a xente e aproveitar esta medida para dotar a cidade dunha zona de baixas emisións sen ter que impoñer un novo tributo nen obrigar a xente a dispor dun vehículo eléctrico.
O BNG lembra que a Lei 7/2021 de cambio climático e transición enerxética impón aos concellos de máis de 50.000 habitantes a obriga da redacción dun PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel) con medidas que reduzan as emisións de gases derivados da mobilidade. Entre esas medidas ten que estar, como mínimo, o estabelecemento de Zonas de Baixas Emisións antes de 2023.
Ademais, o 19 de Novembro de 2021 publicáronse, as Directrices para a creación de zonas de baixas emisións determinando dúas alternativas: Prohibir entrar e circular aos vehículos sen distintivo ambiental CERO, ECO e C. ou estabelecer unha Peaxe urbana, cobrar por entrar, circular e estacionar en certas zonas das cidades.
Iván Rivas lembra que na NOSA cidade a superficie destinada aos vehículos ocupa un 68% do espazo total dispoñible nas rúas, e tan só o 32% ao tránsito peonil, segundo os datos do Plan MOB, tamén que o camiño cara a recuperar as rúas para as persoas é un percurso inexorable que cidades como Pontevedra levan anos recorrendo e que Ferrol é incapaz de iniciar.
O BNG considera que fronte a un modelo baseado na penalización, o de pagar por acceder a determinadas zonas ou pagar por adquirir un vehículo eco, existe o modelo de promover a redución dos tráficos innecesarios para o funcionamento da cidade, que trae consigo outras vantaxes como a ampliación do espazo público para as persoas, a redución da sinistralidade e mesmo que facilita a autonomía dos menores.