O BNG presenta unha moción de apoio ao pobo saharauí e na defensa da súa independencia

Grupo municial BNG
Grupo municial BNG
O BNG presenta unha moción de apoio ao pobo saharauí e na defensa da súa independencia

Ferrol 26 de marzo de 2022. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentará ao pleno do vindeiro xoves unha moción na que propoñen que a corporación manifeste o o seu firme apoio ao pobo saharauí na súa loita contra a ocupación militar e polo exercicio pleno do dereito de autodeterminación e a independencia.


Diante da decisión do goberno español de asumir a postura de Marrocos de non respectar o dereito de autodeterminación do pobo saharauí, o BNG mostra o total rexeitamento á mesma xa que supón asumir a posición e discurso da monarquía marroquí sobre o Sahara Occidental, aceptando o seu plan de autonomía, e que na práctica significa a anexión por Marrocos do territorio saharauí.


Desde o BNG consideramos a postura do goberno español como unha traizón ao pobo saharauí, xa que prégase aos intereses de Marrocos e vai en contra de todos os acordos adoptados até o momento polas institucións internacionais, que unanimemente se teñen pronunciado a favor do dereito do pobo saharauí a exercer o seu dereito de autodeterminación, por medio dun referendo entre a súa poboación.


É por isto que o BNG propón ao pleno que se dirixa ao goberno español para esixirlle que rectifique a súa decisión de asunción da posición e discurso da ditadura marroquí sobre o Sahara Occidental, e polo tanto defender o dereito do pobo saharauí a exercer o seu dereito de autodeterminación por medio dun referendo, tal como recoñecen todos os acordos adoptados até o momento polas institucións internacionais, a empezar pola ONU, que unanimemente se teñen pronunciado neste sentido.


Así mesmo que o goberno do estado esixa a Marrocos que cese de inmediato a sistemática violación dos dereitos humanos da poboación saharauí que vive nos territorios ilegalmente ocupados do Sahara Occidental.

O BNG presenta unha moción de apoio ao pobo saharauí e na defensa da súa independencia