O BNG pide que a EDAR sexa xestionada pola Xunta por ser da súa competencia.
Ferrol 19 de outubro de 2021. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no concello de Ferrol, pediu hoxe á Xunta de Galiza que dado que é consciente dos sobrecustes que supón para Ferrol a EDAR, asuma e se responsabilice da xestión desta infraestrutura da que é titular e presta un servizo supra municipal. Asi mesmo considera que o alcalde da cidade, Angel Mato, está a velar polos intereses da parte privada de EMAFESA en vez de velar polos intereses dos veciños e veciñas de Ferrol no conflito polos custes de xestión da Estación Depuradora de Augas Residuais, facéndonos asumir custes que non nos corresponden e que encarecen os recibos da veciñanza de Ferrol.
Os últimos dados aportados por Augas de Galiza ao concello de Ferrol a respecto dos custos da EDAR e o reparto dos mesmos entre Ferrol e Narón, situándoos nun 57,5% para Ferrol e un 42,5% para Narón, veñen a demostrar que a decisión tomada por Ferrol de asumir unilateralmente a xestión desta infraestrutura só sirve para que os veciños e veciñas de Ferrol paguen máis por este servizo. A EDAR de Ferrol, presta un servizo supra municipal, ademais de ser propiedade de Augas de Galiza polo que debería ser este ente autonómico quen asuma a súa xestión e faga o reparto de custes entre concellos e non que sexa Ferrol quen asuma os gastos e dispute co concello de Narón polos custes.
Tras máis de 7 anos desde que o PP se fixera cargo da depuradora e pese a que os ferroláns están a abonar recibos próximos aos 100 euros a proposta do goberno de Mato non mudou en nada e deulle continuidade ao convenio subscrito en 2017 con Augas de Galiza que contara cos votos favorábeis do PP e de Ferrol en Común.
Iván Rivas considera que estas decisións xunto aos dados aportados hai unhas semanas por Augas de Galiza demostran que o PSOE antepón os intereses económicos de EMAFESA aos dos veciños e veciñas da cidade sobre os que está a recaer a responsabilidade de facer fronte economicamente ás decisións que desde o 2014 se teñen adoptado nesta cidade respecto da EDAR.
Así mesmo demostra que o Alcalde da cidade continua a eximir de responsabilidade à Xunta de Galiza a través de Augas de Galiza da xestión dunha infraestrutura que se lle entregou a este concello con tantas deficiencias e que supuxo infinidade de problemas aínda hoxe non resoltos, a comezar por ter os e as ferrolás continuar a pagar os recibos do concello de Narón.
Iván Rivas considera que a mellor maneira de comezar a resolver o conflito con Narón é entregar a depuradora ao seu lexítimo propietario, Augas de Galicia. Deste modo Augas de Galiza emitirá unha factura a cada concello de maneira independente. A partir de aí o concello de Ferrol decidirá aboar ou revisar esa factura pero cando menos pero deixaremos de pagar o 100% dos custes como acontece desde 2014.
Hai que lembrar que ademais de asumir o 100% dos custes de depuración , en base a o convenio en vigor eximimos do pago dos tributos correspondentes por esta infraestrutura ao seu propietario, Augas de Galicia e ao seu xestor, EMAFESA e os veciños e veciñas pagarán, como até o de agora, os custes de reparación dunha EDAR defectuosa que non podía funcionar cando se nos entregou.