O VINDEIRO DÍA 18 LEVARÁN ESTA INICIATIVA AO PARLAMENTO

O BNG entrega na Xunta as sinaturas pedindo que a residencia de maiores do Bertón sexa de xestión pública

Mon Fernandez entregando as sinaturas na Xunta
Mon Fernandez entregando as sinaturas na Xunta
O BNG entrega na Xunta as sinaturas pedindo que a residencia de maiores do Bertón sexa de xestión pública

Ferrol, 12 de xuño. Este venres compareceron diante dos medios de comunicación a responsábel comarcal do BNG, Pilar Lozano, o responsábel local, Roberto Montero, e o deputado no Parlamento Galego , Mon Fernández, que ven de ser presentado como candidato á alcaldía de Ferrol nas vindeiras eleccións municipais.

O motivo da comparecencia foi continuar coa campaña social demandando a xestión pública da nova residencia de maiores que a Xunta de Galiza vai poñer en marcha no Bertón a través dunha empresa privada concesionaria.

Temos que lembrar que esta residencia foi construída pola Fundación Amancio Ortega e entregada posteriormente á Xunta, que é a actual propietaria. Mais a Xunta de Galiza no canto de poñer en marcha a residencia con recursos e persoal propios iniciou a finais do ano pasado os trámites para deixar en mans dunha concesionaria privada a xestión da atención e funcionamento da residencia, no que ven sendo a política habitual do Partido Popular de poñer os servizos públicos en mans de empresas privadas.

O BNG iniciou xa naquela altura unha campaña social de recollida de sinaturas en diferentes eventos da cidade de Ferrol demandado a xestión pública da residencia, campaña que contou con apoios explícitos por parte do persoal da residencia pública de Caranza e de representantes sindicais das traballadoras das residencias privadas que existen na cidade.

Desde todos os ámbitos coinciden en sinalar que con esta opción pola xestión privada o Partido Popular relega a calidade do servizo, a calidade de vida e os dereitos das persoas usuarias e dependentes, e mesmo das súas familias, a un segundo plano, priorizando os intereses do lobi empresarial das concesionarias dos servizos públicos que son as que finalmente deciden até onde chegan os dereitos da cidadanía.

A diferencia entre a xestión directa por parte da Xunta e a xestión a través de empresas privadas nótase en todo no día a día, nos recursos humanos e nos materiais, nos servizos sanitarios ou na comida... como lembra a Presidenta do comité de empresa da Consellería de política social da provincia da Coruña, “a proba tivémola durante a pandemia, na residencia de Caranza non houbo que lamentar ningunha morte, todo o contrario que nas residencias privadas da comarca”.

Desde o BNG tamén quixeron salientar a precariedade laboral do persoal que traballa nas residencias privadas de maiores, que levan anos loitando por un convenio colectivo digno sen nen sequera seren recibidas pola Conselleira Fabiola García, nunha mostra de absoluto desprezo do Partido Popular polas traballadoras.

De feito, unha das consecuencias desta política do Partido Popular de privatización dos servizos públicos é a precarización do traballo dos coidados, maioritariamente feminino, polo que os coidados pasan da precariedade do traballo doméstico non profesional e non remunerado realizado por mulleres, ao ámbito institucional das residencias onde o traballo tamén é realizado por mulleres con empregos precarios, co salario mínimo, e con horarios e condicións de traballo extenuantes.

Desde o BNG apostan por un modelo de servizos públicos que poña os dereitos das persoas usuarias e dos seus familiares por diante de calquer outra consideración, e isto pasa necesariamente por aumentar o número de prazas residenciais e de centros de día, por unha xestión pública dos centros a través de persoal propio da Xunta de Galiza con condicións dignas de traballo.

No día de hoxe tamén anunciaron que o próximo día 18 levarán ao Parlamento Galego o debate sobre a xestión desta nova residencia de maiores do Bertón.

O BNG entrega na Xunta as sinaturas pedindo que a residencia de maiores do Bertón sexa de xestión pública