O CANDIDATO DO BNG Á ALCALDÍA DE FERROL E DEPUTADO NO PARLAMENTO GALEGO DEFENDEU UNHA INICIATIVA PARA PARALIZAR A LICITACIÓN PRIVADA DA RESIDENCIA, REXEITADA COS VOTOS DO PP
Mon Fernández denuncia a “entrega” da residencia do Bertón ao negocio privado e exixe a súa xestión pública directa
Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2026. O candidato do BNG á Alcaldía de Ferrol e deputado no Parlamento galego, Mon Fernández, exixiu hoxe á Xunta de Galiza que deixe sen efecto a licitación da xestión privada da residencia de maiores do Bertón, en Ferrol, e que asuma a súa xestión directa con recursos propios. A iniciativa, defendida por Fernández no Parlamento galego, non saíu adiante polos votos en contra do PP.
Fernández subliñou que Ferrol presenta un 30% de poboación maior de 65 anos —por enriba da media galega— e que o envellecemento da sociedade “debería facernos reflexionar sobre o modelo de xestión máis axeitado”. Nese sentido, criticou a aposta do Goberno de Rueda por “poñer a nova residencia pública en mans dunha empresa privada” e lembrou os precedentes de residencias privadas intervenidas durante a pandemia ou pechadas pola Inspección de Traballo debido ás “malas condicións” laborais e asistenciais.
O deputado nacionalista estableceu un paralelismo coa sanidade privada e citou as declaracións do CEO dun hospital de Ribera Salud, que “chamaba a engordar as listas de espera para aumentar os beneficios”. Segundo Fernández, “financiar con diñeiros públicos un sistema tan sensible para despois deixalo en mans privadas é unha irresponsabilidade”.
Fernández tamén denunciou que as residencias privadas carecen de enfermeiras nos equipos sociosanitarios, ao contrario que as públicas, e puxo como exemplo o recente falecemento dunha persoa derivada dunha residencia de Ferrol, “por falta de asistencia sanitaria propia”.
Fernández acusou o PP de “paralizar” a ampliación da residencia pública de Caranza e de promover en substitución a xestión privada no Bertón e no edificio do antigo garaxe Castelos.
“O que fai a Xunta é institucionalizar a precariedade do emprego feminino, transformando os coidados non profesionais no fogar en empregos con baixos salarios e horarios extenuantes”, afirmou, ao tempo que avogou por mellorar as ratios de persoal e as condicións laborais nun sector feminizado.
Na súa quenda de réplica, Fernández rexeitou as críticas do PP que comparaban a xestión con entidades locais e insistiu en que “quen ten a competencia e a capacidade é a Xunta”. Instou os populares a “defender un modelo” e a rebater os feitos constatados sobre a calidade asistencial nas privadas, e concluíu que “a aposta polo modelo público é a conclusión obvia para garantir unha vellez digna en Ferrol”.