O BNG pide explicacións polo retraso na constitución do ente xestor da candidatura a Patrimonio Mundial.
Ferrol 22 de setembro de 2022. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol emprazou esta mañá ao goberno municipal e nomeadamente ao alcalde da cidade a explicitar cales son os motivos reais que impiden a presentación da candidatura de Ferrol a Patrimonio da Humanidade e as causas polas que non se formula unha proposta de ente xestor.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG en Ferrol, considera que despois de vinte anos de que esta iniciativa botara a andar non é de recibo que as administracións implicadas nesta iniciativa e na súa xestión celebren reunións só de cara a galería e nas que non se toma ningún acordo concreto non se da conta de cales son os atrancos para que a proposta se efectivice.
O BNG lamenta que o goberno municipal teña convertido a candidatura de Ferrol a Patrimonio da Humanidade nun elemento propagandístico e sexa incapaz de formular unha proposta de ente xestor, un proceso que leva paralizado desde o ano 2007 e que resulta imprescindíbel para a súa presentación.
Para o BNG resulta incomprensíbel o silencio dos gobernos locais diante da actitude do Ministerio de Defensa, e deberían explicitar cales son os impedimentos que aduce esta administración para atrasar calquera intento de promover un ente xestor e as trabas que impón para o goce por parte do conxunto da cidadanía dos bens dependentes deste Ministerio que forman parte desta proposta.
Así mesmo, compre resaltar o desleixo que a Xunta de Galiza amosou ao longo dos últimos anos por parte da candidatura de Ferrol negándose a presentar a proposta ferrolá diante do Consello de Patrimonio Histórico do Estado español para que se poida elevar à proposta para a súa aprobación definitiva por parte da Unesco.