O BNG pide executar o acordo plenario para mellorar a circulación na Graña
Ferrol 11 de maio de 2022 . O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol esixiu esta mañá ao goberno municipal que proceda a executar o acordo plenario relativo a dotar dunha zona de aparcadoiro a veciñanza da Graña así como a reordenación do tráfico na rúa Real Alta.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, defende que o concello non debe demorar máis o desenvolvemento desta iniciativa e lembra que coa chegada do verán a problemática do tráfico neste barrio verase acrecentado pola afluencia de veciños a praia e pola máis que evidente falla de zonas de estacionamento.
O BNG considera incomprensíbel que o goberno municipal de Angel Mato continúe sen regular o tráfico na rúa Real Alta, facéndoa dun único sentido de circulación tal e como se comprometera cos veciños e veciñas do barrio, unha medida que posibilitaría mellorar a circulación nesta vía e se gañasen prazas de estacionamento.
Para Iván Rivas, Angel Mato incumpre sistematicamente os acordos plenarios que se desenvolven por iniciativa do BNG e que veñen da man do movemento veciñal, impedindo así que se desenvolvan iniciativas que buscan mellorar o día a día da veciñanza da nosa cidade.
O BNG insiste en que é preciso que o goberno municipal desenvolva de inmediato un espazo de aparcadoiro no barrio da Graña, nalgunha das parcelas propostas pola entidade veciñal ou ben que promova unha nova alternativa que sexa capaz de resolver as demandas dos veciños e veciñas.
Iván Rivas sinalou así mesmo que este tipo de actuación debería vir acompañada dunha mellora do transporte publico á Graña o que suporía un avance substancial nas necesidades de comunicación desta zona da cidade.