O BNG non asiste ao acto oficial do Concello polo "Día de Galiza"
Ferrol 24 de xullo de 2014. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol informa que non vai asistir esta tarde ao acto oficial organizado polo Concello de Ferrol para comemorar o Día de Galiza por entender que no momento actual estase a producir no estado español un proceso de recentralización e a implementación dun conxunto de medidas tendentes a destruíren a nosa identidade nacional e a reforzar os mecanismos de dependencia que visan inviabilizarnos economicamente.
Entendemos que este tipo de actos teñen un carácter fondamente aparencial e ritual e só buscan perpetuar a imaxe dunha Galiza silenciada, sumisa e ocultar a reivindicación dos dereitos nacionais e de defensa da soberanía do pobo Galego.
Precisamente na carencia de soberanía radican a inmensa maioría dos graves problemas que padecemos todas as persoas que conformamos este pobo e como nación. Por iso, fronte ás reivindicacións soberanistas das nacións que integran o Estado español, este responde impulsando un forte proceso de recentralización e anulación dos dereitos nacionais e de represión constante contra aqueles homes, mulleres, organizacións e loitas que os reivindican.