A ANPA DO IES SOFÍA CASANOVA DEMANDA QUE SE SOLUCIONEN OS PROBLEMAS DE ACCESO AO INSTITUTO DENDE O PAQRQUE.
O BNG demanda unha solución para o parque Pablo Iglesias e a súa contorna
Ferrol 7 de novembro de 2025. O BNG de Ferrol denunciou hoxe o lamentable estado en que se atopa o parque Pablo Iglesias e os pasos de peóns da súa contorna. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, censurou a pasividade do goberno local diante dun problema que a veciñanza do barrio leva meses manifestando.
Os concelleiros, Iván Rivas e Roberto Montero, e membros do BNG na localidade como a responsábel comarcal, Pilar Lozano, representantes da ANPA do IES Sofía Casanova e veciños e veciñas do barrio percorreron os camiños do parque e as conexións coa avenida das Pías comprobando a imposibilidade de percorrelos produto da acumulación de auga en moitos dos seus tramos e que fai inviable transitar por eles e que ademais afectan a unha das entradas ao instituto o que imposibilita que os e as estudantes poidan acceder ao centro con normalidade por atoparse a entrada inundada ou enlamada.
Rivas denunciou tamén os desperfectos nas arquetas de pluviais do parque e o deterioro provocado polo acceso de vehículos ao tanque de tempestades a través dunha vía destinada ao tránsito peonil que provoca desperfectos permanentes nese ámbito. Por último, o portavoz municipal do BNG en Ferrol puxo de manifesto a practicamente invisible sinalización dos pasos de peóns de saída do parque que está a comprometer a seguridade dos viandantes e diante do cal o Alcalde da cidade mira cara outro lado.
Por estas razóns o BNG de Ferrol, instou ao goberno local a acometer as obras de reparación do parque e da sinalización viaria da contorna do Parque Pablo Iglesias previamente a desenvolver unha intervención xeral sobre un espazo da cidade que a día de hoxe cobrou especial relevancia tras a apertura da Avda. das Pías.