O BNG defende unha república galega, soberana e democrática

O BNG defende unha república galega, soberana e democrática

Ferrol 14 de abril de 2013. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol no día da conmemoración da república de 1931, quere manifestar a necesidade de camiñar cara unha nova sociedade onde as relacións entre as persoas e os pobos se fagan en pé de igualdade, e non en base a criterios de xerarquía e queremos manifestar neste día o dereito dos galegos e galegas á República de Galiza.

Para o BNG, o inicio debe ser recoñecer a diversidade, admitir a igualdade na pluralidade, cambiar as relacións de poder e a natureza dos estados e esto significa profundos cambios políticos e non simples mudanzas na forma do Estado. Con este fin apostamos por relacións que se cimenten no respecto mutuo e no diálogo simétrico e sincero.

Estamos no momento para afondar nos cambios que precisan as nosas nacións, desenvolvendo os mercados internos, reafirmando o dereito a decidir dos pobos, promovendo os nosos proxectos industriais como o sector naval, propoñendo, por tanto un modelo oposto ao modelo da especulación, a desigualdade e da concentración do poder económico e político.

Desde o BNG aspiramos a relacións respectuosas entre os pobos e as persoas sen necesidade de falsos protectorados.

Para o BNG é fundamental que os galegos e galegas poidamos decidir as nosas propias formas de goberno e a maneira de relacionarnos con outros pobos, reafirmando así o dereito á libre decisión sobre o noso propio futuro.

Unha forma alternativa de concibir a sociedade e a natureza, que permita que poidamos vivir do noso traballo, como a construción naval e preservar o noso contorno vital como a nosa ría e o noso patrimonio cultural e histórico.

O BNG defende unha república galega, soberana e democrática