O BNG considera inaceptábel que os actos de homenaxe a Carvalho Calero non se realicen en Ferrol
Ferrol 29 de outubro de 2021. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG en Ferrol, sinalou esta maña que a decisión de desenvolver os actos de tributo a Carvalho Calero, como autor homenaxeado polo Día das Letras Galegas, fora da cidade de Ferrol é inaceptábel e instou ao alcalde da cidade, o socialista Angel Mato, a non asistir aos mesmos como mostra de rexeitamento fronte esta actitude de menosprezo a Carvalho Calero e ao conxunto da sociedade local que tanto ten loitado por este recoñecemento.
Iván Rivas, que cualificou estes feitos como unha decisión inaceptábel sinalou que resulta evidente que dada a situación sanitaria provocada pola covid-19 non se poden desenvolver estes actos, nin nestes dias nin ao longo dos próximos meses, e que o lóxico é que o ano Carvalho Calero se desprace e prolongue a súa celebración ao ano 2021 tal e como reivindicou unanimemente o pleno do Concello de Ferrol.
O BNG fíxolle ao alcalde da cidade tres esixencias: que reivindique claramente, a reclamación do conxunto do pleno e da sociedade desta cidade de prolongar o ano Carvalho Calero a 2021, que manifeste o seu rexeitamento a que esta fin de semana se celebren os actos que pretenden desenvolver a RAG e o Consello da Cultura nas cidades da Coruña e de Santiago e, por último, que non asista aos mesmos como mostra do rexeitamento a que se trasladen estes actos fora de Ferrol.
O BNG lembrou que nunca un autor ou autora designado para conmemorar o Día das Letras Galegas foi homenaxeado fora do seu lugar de nacemento e ademais desenvolver os actos de homenaxe a Carvalho Calero en Santiago ou na Coruña supón menosprezar ao autor, supón menosprezar a súa obra e supón menosprezar a cidade de Ferrol.
Ricardo Carvalho Calero é para o conxunto da sociedade un autor fundamental na análise socio-lingüística e literaria, un autor comprometido co seu idioma e co seu país e ao mesmo tempo é un autor que foi denostado por manter posicionamentos teóricos estabelecendo a vinculación entre o Galego e o Portugués. Tiña unhas fondas consecuencias políticas, posicionamentos teóricos que viñan abalados polo rigor científico e pola investigación por iso custou moito que se lle recoñecese como autor ao que adicarlle o Dia das Letras Galegas para o que foi preciso que colectivos sociais da cidade, colectivos culturais xunto a organizacións políticas insistisen nesta revindicación.
A día de hoxe a reivindicación de que se prolongue a celebración do dia das letras galegas para Carvalho Calero ao ano 2021 é tamén unha reivindicación unánime de todos os partidos políticos e de multitude de colectivos sociais e culturais e ese recoñecemento debe ir máis aló do plano institucional. Debe supor a difusión da súa vida, da súa obra e do seu pensamento nos centros de ensino, nas bibliotecas, nas librarías e a través das actividades que se desenvolven por parte do tecido cultural desta cidade e de todo o pais por iso nun contexto como o actual cunha crise sanitaria que levamos padecendo ao longo destes meses non se pode permitir que se peche en falso o ano de recoñecemento a Carvalho calero e a súa posta en valor e que ademais se peche deste xeito.