O BNG chama a rachar coa inercia coa que se enfrontan os orzamentos do estado na cidade
Ferrol 30 de outubro de 2020. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol chega a conclusión tras analizar os orzamentos xerais do estado de que nesta cidade temos que mudar radicalmente a actitude coa que nos enfrontamos á indiferenza da administración central coa cidade.
Os orzamentos do estado para o ano 2021 non supoñen nada diferente respecto dos presentados nos últimos anos, como tampouco supón ningunha novidade a resposta local dos partidos estatais. Uns partidos que deben pensar aquilo de “unha vez ao ano non fai dano” e así un día ao ano cuestionan a marxinación política da cidade e os 364 días restantes gardan silencio. Compre rachar dunha vez con este comportamento ritual que ano tras ano se reproduce.
É Por isto que desde o BNG cremos que si algunha conclusión podemos sacar destes orzamentos é que cómpre rachar coa inercia de sermos unha cidade maltratada, durante moitísimo tempo, pola administración central. Somos unha cidade de usar e tirar, emprégasenos para resolver problemas da administración estatal vinculados a súa dependencia dos sector militar tanto pola ocupación de solo urbano da cidade e a ausencia dunha partida económica que compense isto e tamén no principal sector produtivo, sometido en exclusiva à construción naval militar.
Resulta evidente que a alternativa, nesta cidade, pasa por unha diversificación industrial no sector naval civil e para iso hai que facer investimentos, investimentos nos estaleiros orientados a transformar esta infraestrutura de cara a poder traballar nese ámbito e investimentos destinados ao persoal que permita poder ter a xente preparada para poder adicarse a un ámbito da construción naval que debe ser básico e fundamental para o noso futuro.
Pola contra, ademais de que non hai nada consignado nestes orzamentos a respecto desta cuestión toleramos que se estea a producir un novo proceso de desmantelamento do sector naval cunha redución do plantel da industria principal, que implica que os traballadores e traballadoras da industria auxiliar están nunha situación cada vez mais precaria e buscando as súas saídas laborais fora da cidade.
Da mesma maneira deberiamos romper a inercia respecto das conexións ferroviarias da cidade de Ferrol. O problema xa non esta xa na carencia de investimentos que si se desenvolven noutros tramos do eixo Atlantico ( A Coruña-Santiago recibe 2,3 millóns de euros e Santiago-Vigo 0.61 M€). O problema é o obxectivo que se esconde detrás desta carencia de investimentos que non é outro que o illamento da cidade e o desmantelamento dos servizos ferroviarios, cada vez con menos servizos e menos frecuencias.
Así mentres non podemos saír da cidade en tren, o estado inviste 34 millóns de euros na conexión ferroviaria ao porto exterior, Un porto actualmente deserto e no que o seu encadre na rede global europea e non na rede básica non fai máis que acentuar o seu illamento, diante do que os partidos estatais gardan silencio.
O mesmo acontece respecto da situación da ría. Nin un só euro para a rexeneración e limpeza dos fondos. Acuaes desaparece dos orzamentos, mentres nós seguimos pagando cada mes as obras dos interceptores, mentres PP, PSOE e FeC non só calan diante da realidade de que as obras as pagamos os ferroláns senón que como aconteceu no día de onte aceptan sumisamente o que lles ditan desde o Ministerio de Fomento aínda que supoña pagar dúas veces polo mesmo.