O BNG censura a falla de compromisos do PP e do PSOE con Ferrolterra un mes despois da folga xeral comarcal
Ferrol 9 de abril de 2021. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, valorou esta mañá a situación da cidade e da nosa comarca após un mes da celebración da folga xeral comarcal e censurou que nada se teña feito por parte de todos os gobernos responsabeis desta situación, desde o local á Xunta e o goberno Central, para dar resposta às demandas de toda esta comarca.
Iván Rivas, instou ao Alcalde da cidade a explicar onde quedaron as resolucións das mesas de traballo convocadas por el mesmo. Pregúntase onde quedaron as propostas alternativas que se teñen presentado polas diferentes organizacións políticas, sindicais, e colectivos desta cidade e desta comarca.
O BNG sinala que a realidade, a día de hoxe, é que despois de sumarnos todos e todas a manifestación e a folga xeral comarcal, o baleiro e o silencio que seguiu ao día 10 de marzo cada vez se fai máis estridente e máis agonizante para esta cidade e para esta comarca. Unha Comarca que segue agardando a que por parte dos responsábeis directos dos gobernos do Estado e da Xunta se tome algunha medida e se aporte algunha solución.
Rivas sinala que o problema hoxe xa non é analizar o pasado e buscar quen son os responsábeis das decisións que nos teñen traído até aquí. O problema é que as solucións que se nos veñen a presentar son as mesmas que nos levaron à situación actual con respecto aos principais sectores económicos desta cidade e desta comarca.
Rivas sinalou que en relación ao sector naval seguimos a agardar polo famoso corte de chapa das fragatas F110 mentres as gradas dos estaleiros da ría seguen baleiras. Con respecto as infraestruturas ferroviarias se nos presentan novos estudos con custes económicos que superan os 700 millóns de euros, que ninguén a estas alturas pode crer viábel. Con respecto a situación da ría se nos volven a dar largas con estudos no canto de resolver o problema de abandono dos fondos mariños que cada vez están limitando máis as súas posibilidades e capacidade extractiva.
Iván Rivas, diante deste contexto, afirmou que vai sendo hora de chamar a atención e exixir aos responsábeis de tomar estas decisións, ao PP e ao PSOE, no goberno da Xunta e no goberno do Estado que deixen de facer demagoxia coa problemática desta cidade. É inaceptábel que no momento actual se estean producindo amortizacións de postos de traballo na principal empresa que existe en Ferrol, a empresa Navantia, e que permanezamos en silencio. É absolutamente inaceptábel que a Xunta de Galiza sexa incapaz de destinar ningún euro á limpeza dos fondos mariños da ría para permitir que o sector marisqueiro poida desenvolver a súa actividade. É inaceptábel que o estado non consigne un euro para a renovación das infraestruturas ferroviarias e que se nos presenten estudos que non son máis que cortinas de fume para eximirse da súa responsabilidade.
Así mesmo para o BNG é absolutamente inaceptábel que por parte do goberno local no canto de denunciar todas estas circunstancias e exixir de maneira constante e directa aos responsábeis do PP e do PSOE que aporten solucións inmediatas a toda esta situación se convoquen mesas de traballo que non nos levan a ningunha conclusión, se desenvolvan estudos que non son máis que unha reiteración do que xa sabemos e se permaneza nunha actitude completamente cómplice con todo o que ten acontecido no pasado e coas decisións que a dia de hoxe se están adoptar e con aquelas decisións que non se teñen adoptado.
Iván Rivas, indicou que vai sendo hora que o alcalde desta cidade deixe de actuar de maneira sumisa coa administración estatal e de maneira cómplice coa Xunta de Galiza nesa especie de bipartidismo harmónico no que se ten instalado e que esta levando a a cidade a un punto sen saída.