O BNG presentará unha proposta de usos alternativa para a casa de Carvalho Calero
Ferrol 9 de abril de 2021. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no concello de Ferrol, tras a presentación esta mañá do proxecto do goberno local para a casa de Carvalho Calero lamentou a visión tan superficial que o goberno local ten do que significan os nosos referentes intelectuais como é Carvalho Calero.
Ivan Rivas, afirmou que desenvolver un espazo de co-working nun edificio tan singular e significado como este ou pretender zanxar o que significa a obra de Carvalho Calero desde unha perspectiva filolóxica, lingüística e cultural cunha simple casa museo demostra a banalidade coa que o goberno local afronta este proxecto.
Iván Rivas sinala que se o obxectivo é querermos ter contentores arquitectónicos sen fins e baleiros de uso a opción escollida polo goberno local é a mellor opción.
Ao redor da figura de Carvalho Calero entran moitos aspeitos que este goberno esquece vinculados á lingua, á cultura ou a literatura galega que deben formar parte do plan de usos para a recuperación da casa de Carvalho Calero. Un proxecto de usos para este edificio debe ser debatido e consensuado non só cos partidos políticos senón tamén co conxunto de asociacións que existen na cidade e que levan moitos anos traballando na recuperación da memoria e do traballo de Carvalho Calero ademais de contextualizalo no barrio e na cidade.
A posibilidade de recuperar a súa biblioteca, desenvolver un espazo para asociacións culturais, un espazo de referencia da historia, das análises lingüísticas ou da literatura galega e compaxinalo con outros referentes do barrio como Benito Vicetto son diferentes alternativas que precisan dunha valoración previa que o goberno ignorou.
Benito Vicetto, as Irmandades da Fala, a editorial Céltiga e Carvalho Calero son elementos intrincados, vinculados ao barrio e á cidade que o goberno local ignora.
Por parte do BNG presentaremos unha proposta alternativa de usos para a rehabilitación deste inmoble que teña en conta o contexto cultural, histórico e o traballo que Carvalho Calero desenvolveu ao redor da lingua e literatura galega. O Obxectivo desta rehabilitación debe ser conservar o patrimonio, promover a cultura, a lingua e a literatura galega e reforzar a participación e identidade do barrio e da cidade.