O BNG apoia ás persoas con pensións no estranxeiro e presenta unha moción contra ás reclamacións
Ferrol 29 de outubro de 2013. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol, que hoxe estivo apoiando ao colectivo de persoas con pensións no estranxeiro na súa concentración diante da delegación de Facenda, defenderá no vindeiro pleno unha moción mediante a que piden que o concello apoie aos veciños e ás veciñas beneficiarias de pensións percibidas no estranxeiro afectadas polas reclamacións da Axencia Española Tributaria e piden que se impliquen as diferentes administracións en prestar apoio e asesoramento as persoas afectadas.
O BNG con esta moción busca que se defendan os intereses destas persoas, que son ameazadas pola Axencia Española Tributaria con posíbeis sancións, mentres aos auténticos defraudadores fiscais o Goberno español lles concede amnistía e convida as persoas afectadas a acudir ao pleno asi como a integrarse na plataforma de afectados.
O BNG lembra que Galiza padeceu, e continúa padecendo, unha emigración brutal. Milleiros de galegos e galegas emigraron desde comezos do século XIX a moitos países para procurar un medio de vida. Hoxe, persoas mozas cunha alta cualificación, tamén se ven obrigadas a facer o mesmo que fixeron os seus avós e avoas para poderen ter un traballo.
Moitas das persoas emigrantes, xa de retorno na Galiza e en idade de xubilación, son beneficiarias de pensións que perciben de estados estranxeiros. Nos últimos meses este colectivo comezou a recibir requirimentos da Axencia Tributaria para que declaren as cantidades percibidas durante o ano 2008 en concepto de pensións no estranxeiro, coa finalidade de proceder á regularización ou no seu caso formulación da declaración sobre o imposto das persoas físicas correspondente ao exercicio de 2008.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, sinalou o grave perxuizo que esta medida supón para os veciños e veciñas desta cidade, que sometidos a o desmantelamento de todos os seus sectores produtivos moitas familias están a sobrevivir grazas ás pensións de xubilación dos seus membros e para os que está medida supón unha nova agresión ás maiorías sociais da cidade nunha situación cada vez máis dramática.
Estes requirimentos, que tamén indican a obriga a realizar esta actualización en relación cos exercicios de 2009, 2010 e 2011, estanse producindo nos últimos días de forma masiva en toda Galiza afectando a milleiros de persoas pensionistas retornadas, e de forma moi intensa, tamén a veciños e veciñas do noso concello.
Para o BNG estamos ante unha decisión do estado totalmente inxusta, xa que a maioría das persoas que se atopan nesta situación descoñecían que tiveran que tributar por estes cartos e nunca recibiron ningún tipo de información en relación coa súa obriga de declarar as contías da súa pensión; é máis, persoas afectadas, que non albiscan ningunha sombra de dúbida sobre a veracidade das súas declaracións, afirman que tendo preguntado nas propias delegacións informóuselles, de palabra, de que non tiñan a obriga de tributar por estas pensións.
O BNG esixe ao Goberno Central a que dea unha solución a esta problemática que para o Bloque Nacionalista Galego pasa por revogar os expedientes xa iniciados e devolver o pagado, anular os expedientes sancionadores, que non se cobren os abusivos intereses de demora por parte da AEAT, que se anulen os expedientes sancionadores e que se modifique a lei para garantir a igualdade de trato para os emigrantes retornados coas persoas que non teñen traballado fóra, á hora de tributar.