O BNG apoia e chama a participar na cadea humana do 17 de decembro polo futuro de Ferrolterra
Ferrol 14 de decembro de 2020. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol considera unha obriga secundar a convocatoria de mobilización comarcal do vindeiro día 17 porque estamos a vivir nunha comarca que leva décadas sufrindo un proceso de desmantelamento industrial consentido polo goberno do Estado e pola Xunta de Galiza.
Ivan Rivas, portavoz municipal do BNG, censurou o cinismo do PP e do PSOE lembrando o agravio que supón para esta cidade tanto os orzamentos da Xunta como do Estado, sen dotación económica nin para as infraestructuras ferroviarias, nin para a rexeneración da ría nin para os estaleiros da ría e lembra que os orzamentos do Estado e da Xunta para o ano 2021 non supoñen nada diferente respecto dos presentados nos últimos anos e non van aportar investimentos nen medidas que solucionen á grave crise económica que padece a nosa cidade.
Desde o BNG cremos que é o momento de rachar coa inercia de sermos unha cidade maltratada, durante moito tempo, polas administracións central e galega. Resulta evidente que a alternativa, nesta cidade, pasa por unha diversificación industrial no sector naval civil, porque seguir confinados ao sector militar é un suicidio económico. A única alternativa que existe para os estaleiros da ría pasa por desenvolvernos no ámbito civil e para iso é preciso: desenvolver produtos que ofrecer no mercado da construción naval civil (cruceiros, buques off shore), investimentos en infraestruturas e instalacións para desenvolver e fabricar ese produto e contarmos co persoal suficiente e cualificado que o poida facer, incorporándoos ao plántel da empresa principal, neste caso procedente da industria auxiliar da comarca de Ferrol.
Así mesmo tanto desde a Xunta como desde o estado seguen condeando a nosa ría, negando os estudos que permitan coñecer cal é o seu estado actual, responsabilidade da Xunta e sen consignar un euro nos orzamentos do Estado para acometer a limpeza dos fondos e a súa rexeneración integral e permanecen impasíbeis diante do illamento da cidade, excluindoa do eixo atlántico e o desmantelamento dos servizos ferroviarios cada vez con menos servizos e menos frecuencias mentres o Alcalde da cidade anuncia estudos que xa están elaborados desde 2010 e o goberno do estado destina 0 euros nos orzamentos con este fin.
O BNG que é o momento de sinalar aos culpábeis desta situación. Aos culpábeis de permitirlle a Endesa abandonar o carbón sen acometer a transición cara as renovables e aínda por riba a subvencionala. De permitirlle a Alcoa pechar porque despois de que alguén lle agasallase unha empresa pública, millóns en subvencións e un prezo exclusivo da enerxía ninguén lle esixe nada; de permitirlle a Poligal deslocalizarse porque alguén lle entregou millóns de euros públicos para montar as súas instalacións e ninguén lle obrigou a manter a produción en Narón.
É por isto que o BNG participará nesta mobilización para esixir medidas concretas para reverter esta situación e para denunciar o doble xogo dos partidos estatais en Galiza que sosteñen aos goberno central e galego, que son cómplices imprescindibles para que as súas organizacións leven adiante as decisións políticas que manteñan a nosa cidade no seu actual estado.