O BNG alerta sobre a proliferación de parques eólicos en Ferrol

Ivan Rivas
Ivan Rivas
Iván Rivas destaca que estamos a falar de aeroxeneradores dunhas dimensións salientables, que superarán os 200 m. de altura, e que se pretenden situar próximos á rede Natura e ao logo de todo o litoral atlántico do noso concello desde a zona superior de San Filipe até o límite con Narón sobre a praia de Ponzos.
O BNG alerta sobre a proliferación de parques eólicos en Ferrol

Ferrol 12 de abril de 2021. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol amosou esta mañá a súa preocupación pola inxente proliferación de proxectos para a instalación de parques eólicos en terreos do termo municipal de Ferrol. En concreto o BNG advirte da existencia de 3 solicitudes de proxectos eólicos que suman 20 aeroxeneradores de dimensións considerables e que van desde os 145m. de diámetro até os 170m. de diámetro das palas.

O portavoz municipal do BNG indicou que ademais do previsto para os montes de Brión e que afecta a terreos de propiedade municipal, como son os montes do Chá, existen dúas solicitudes máis para a localización de parques eólicos no concello de Ferrol e sobre os que chama a atención a pouca información que as administracións públicas, tanto Xunta como concello está a facilitar sobre estes proxectos e as repercusións que os mesmos van ter no noso concello.

Iván Rivas destaca que estamos a falar de aeroxeneradores dunhas dimensións salientables, que superarán os 200 m. de altura, e que se pretenden situar próximos á rede Natura e ao logo de todo o litoral atlántico do noso concello desde a zona superior de San Filipe até o límite con Narón sobre a praia de Ponzos.

Indicou que a proximidade a contornos protexidos e cun alto valor ambiental e patrimonial e patente e puxo como exemplo que algúns destes elementos se sitúa a menos de 500m. do núcleo de poboación de Doniños, ou a menos de 1km. do propio areal ou mesmo da Lagoa, por non falar dos localizados sobre os Montes do Chá.

O portavoz municipal indicou que se está a regalar o espazo público e a paisaxe natural a grandes compañías a cambio de irrisorias compensacións para xs propietarixs e os Concellos. Neste sentido sinalou que  o problema  non é a enerxía eólica é o  xeito no que se están a realizar os proxectos de  maneira masiva, non planificada e a grande escala afectando a  zonas de grande valor ecolóxico, medioambiental e patrimonial.

Ademais o BNG alertou da posible subdivisión destes parques que suman 107,6MW de potencia en proxectos menores co obxecto axilizar a tramitación e evitar avaliacións de impacto ambiental máis esixentes.

Iván Rivas lembra que estas solicitudes destes tres parques eólicos coinciden no tempo co peche da planta de aeroxeneradores de As Somozas e que incide no proceso de desmantelamento industrial da comarca mentres continúa o espolio dos nosos recursos naturais, neste caso mediante a instalación de aeroxeneradores.

O BNG salienta que estas propostas enmárcanse dentro dunha estratexia que se leva desenvolvendo ao longo de todo o pais durante os últimos dous anos, e especialmente nos últimos meses, que está a provocar un absolutodescontrol eólico” no que priman  os intereses das eléctricas que aproveitan un marco legal obsoleto, cunha planificación de 1997, sen garantir tratos xustos aos propietarios e propietarias das terras e sen protexer as áreas de valor ambiental e patrimonial.

Tal como están concibidos e dimensionados, primando a máxima produtividade e beneficio para as empresas promotoras os efectos no territorio acostuman ser devastadores: máis alá da ilusión das escasas rendas que producen, a realidade é que xeran moi poucos postos de traballo e deixan detrás unha pegada de desertización e despoboamento.

 

Desde o BNG pedimos que se garanta a transparencia e a avaliación ambiental destes tres proxectos, e que se someta á información pública as propostas presentadas. Ademais de vincular a estratexia eólica ao desenvolvemento económico con plans de desenvolvemento Industrial e restauración ambiental no concello e comarca, denegando a súa autorización en espazos de alto interese ambiental e patrimonial como son os afectados por estas propostas.

Por estas razóns o portavoz municipal pediu novamente ao Alcalde desta cidade que denegue a autorización para a solicitude que afecta a terreos de propiedade municipal localizado nos montes de Brión e solicitou á Xunta de Galiza que paralice a tramitación destes proxectos e de conta inmediata aos e ás interesadas da información que posúe ao respecto destas tres instalacións.

O BNG alerta sobre a proliferación de parques eólicos en Ferrol