O BNG acusa ao goberno local de improvisación urbanística a respecto das terrazas
Ferrol 23 de xullo de 2013. O BNG acusou ao goberno municipal de Rey Varela de continuar coa súa política de carácter formal e aparencial respecto do modelo de organización urbana da cidade ao tempo que non afronta os problemas estruturais e de fondo a nivel urbanístico do concello.
Cabe lembrar que durante este tempo de goberno do PP aprobouse un proxecto de renovación do mobiliario urbano do barrio da Magdalena e un novo proxecto para a Praza de España, ao tempo que se permaneceu impasible fronte aos problemas estruturais a nivel urbanístico da cidade.
Neste sentido, o BNG, acusou ao goberno municipal de non acometer un proceso planificado para definir os ámbitos peonís e os de tráfico rodado da cidade e de adoptar constantes decisións baseadas na improvisación, como as últimas adoptadas respecto das autorizacións concedidas para a instalación de terrazas.O BNG acusou ao goberno de Rey Varela de permanecer na constante improvisación respecto dos problemas urbanísticos da cidade, adoptando decisións sen planificación, que como estas, rematan por xerar situacións discriminatorias.
O BNG volve a esixir ao goberno local que presente a proposta de normativa urbanística que regula a colocación de terrazas na cidade, que ten elaborada desde o mes de maio, e que fica reiteradamente fora das ordes do día das sesións plenarias sen ningún tipo de explicación.
BNG sinalou a necesidade de planificar de modo definitivo os ámbitos peonís da cidade e non permanecer constantemente á espera de decisións improvisadas que se repiten ano tras ano.