O BNG propón transformar o antigo vertedoiro de Mougá nunha grande zona verde

Grupo municial BNG
Grupo municial BNG
Iván Rivas afirmou que este proxecto debe formar parte dunha estratexia municipal baseada na necesidade de recuperar o abundante e rico patrimonio paisaxístico existente na cidade e que a día de hoxe se atopa en situación de abandono e deterioro.
O BNG propón transformar o antigo vertedoiro de Mougá nunha grande zona verde

Ferrol 30 de novembro de 2021. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol propón ao goberno local a recuperación para o uso público dos terreos que ocupa o antigo vertedoiro de Mougá e acometer a transformación desta zona da cidade para convertela nunha grande zona verde.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, lembra que pasaron case vinte anos desde que o antigo vertedoiro foi clausurado, tempo máis que de sobra para que sobre o mesmo se poida desenvolver un proxecto que recupere para o goce da veciñanza de Ferrol dunha zona que a día de hoxe se atopa en estado de abandono total, gañando para a cidade espazos recreativos e de lecer e pondo en valor unha zona de grande valor paisaxístico.

O BNG lembra que o proxecto de selado do antigo vertedoiro de Mougá supuxo unha intervención sobre unha zona de 93.000 monde se asentaba o que fora un dos vertedoiros máis grandes de Galiza, que máis tarde completaríase a recuperación desta zona coa clausura da antiga planta de compostaxe da Mancomunidade.

Ivan Rivas, portavoz nacionalista, indicou que o obxectivo é converter este lugar, hoxe abandonado, nunha nova zona verde, de ocio e paseo recuperando un espazo degradado para a cidade do mesmo xeito que se teñen recuperado zonas similares noutros concellos do noso país.

Iván Rivas vai máis alá e considera que ao mesmo tempo que se transforma o antigo vertedoiro nun grande parque público deberíase recuperar outras instalacións como a Aula Reciclaterra e implementar, actualizando o proxecto, da posta en marcha do centro integral da enerxía e residuos que recollía o plan de acción da Axenda 21 para a nosa cidade. Un proxecto que buscaba servir de punto de referencia para a divulgación e formación sobre as enerxías renovábeis e os residuos.

Desde o BNG sinálase que na actualidade as instalacións que se asentaran neste espazo como parte do proxecto de selado e recuperación, como foron os sistemas de drenaxe para os lixiviados e os sistemas de combustión para os gases que xeran os residuos enterrados están totalmente inutilizados produto do saqueo destas instalacións. Cómpre aproveitar este proxecto para recuperalas e tratar de controlar os gases e tamén os lixiviados co fin de evitar que cheguen aos acuíferos da zona.

Iván Rivas afirmou que este proxecto debe formar parte dunha estratexia municipal baseada na necesidade de recuperar o abundante e rico patrimonio paisaxístico existente na cidade e que a día de hoxe se atopa en situación de abandono e deterioro.

O BNG propón transformar o antigo vertedoiro de Mougá nunha grande zona verde