O BNG PROPÓN RECURRIR A SENTENZA SOBRE A TAXA DE SANEAMENTO E DECLARAR A NULIDADE DA ORDENANZA

PA040231
PA040231
O BNG PROPÓN RECURRIR A SENTENZA SOBRE A TAXA DE SANEAMENTO E DECLARAR A NULIDADE DA ORDENANZA

Ferrol 26 de novembro de 2019. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol apresenta unha moción que será debatida no pleno do vindeiro xoves na que propón que o Concello interpoña un recurso fronte a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza en relación a suspensión da aplicación da ordenanza reguladora da taxa pola depuración de augas residuais do Concello de Ferrol co obxectivo de defender os intereses dos veciños e veciñas de Ferrol e evitar que sexan eles quen teñan que asumir estes importes.

 

Por este motivo a formación nacionalista esixe ao goberno local a anulación do padrón sobre o que a empresa EMAFESA está a reclamar e responsabilizar en exclusiva aos veciños e veciñas de Ferrol os importes derivados da aplicación da taxa de depuración desde o ano 2015 até o ano 2017 a pesar de incluír conceptos duplicados e non executados.

 

Para o BNG esta sentenza é un chanzo máis na espiral de despropósitos que é o saneamento en Ferrol. Primeiro foi o PP que preparou o marco legal, elaborando unha ordenanza que nos facía pagar por unhas obras declaradas de interese xeral, que recollía conceptos que non se desenvolveron como o saneamento na zona rural, a pesar de que se nos tiña cobrado por eles, despois foi o goberno municipal de FeC quen polo feito de dicir unha cousa e facer a contraria permitiron avalar as decisións e o marco legal estabelecido polo Partido Popular e que provocan que sentenzas como esta sexan asumida polo PSOE con compracencia e normalidade.

 

Asi mesmo, esta sentenza, ven a ratificar que a cidadanía de Ferrol está totalmente indefensa fronte a gobernos municipais que levan priorizando, durante moitos anos os intereses das empresas fronte aos intereses das persoas. Isto ten que ver coas decisións adoptadas polos anteriores alcalde do PP e de FeC e coa actitude que mantén o actual goberno municipal do Partido Socialista que polas súas declaracións se desprende que non ten intención ningunha de recorrer esta sentenza e prefire poñerse do lado da parte privada da empresa EMAFESA.


 

Para o BNG os veciños e as veciñas desta cidade se atopan plenamente indefensos diante dunha situación na que o actual goberno municipal, igual que fixeron os gobernos predecesores, considera que é prioritario sanear a empresa EMAFESA antes que paralizar todo este desastre e despropósito. Que debería comezar por devolverlle a depuradora a Augas de Galicia, responsabilizar ao concello de Narón para que participe dos custes que lle corresponden tanto no mantemento, conservación e reparación como de depuración e reclamarlle as administracións competentes no sistema de depuración no concello de Ferrol (as que deseñaron esta infraestrutura, tanto o estado, a través do Ministerio de Fomento e ACUAES, como a Xunta de Galiza, a través de Augas de Galiza) a responsabilidade do desastre que lle están imputando aos veciños e as veciñas do concello de Ferrol.

 

O BNG tamén propón esixir ao goberno local que demande ao resto de administracións e entes implicados ( Xunta de Galicia; Augas de Galicia, Mnisterio de Fomento, Acuaes, Concello de Narón) na construción e xestión da infraestrutura de depuración do marxe dereito da ría de Ferrol as responsabilidades económicas derivadas da resolución da sentenza 00541/2019 ditada polo T.S.X.G e a resolución do recurso extraordinario de revisión presentado polo BNG durante o anterior mandato e declare a nulidade da taxa de depuración da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola depuración de augas residuais.