A escola de 0-3 anos era considerado polo PP un servizo de gardería ou aparcadoiro de crianzas
No ano 2007 a vicepresidencia da Xunta de Galiza en máns do BNG creou a rede de escolas infantís dando resposta a unha etapa socio-educativa da primeira infancia, ata aquel momento, era considerado polo PP un servizo de gardería ou aparcadoiro de crianzas. Esta rede contaba cuns trazos definitorios moi claros como a inclusión do coñecemento da lingua galega, a centralidade e unicidade das criaturas en todo o proceso educativo, cunha atención individualizada e unha concepción de infancia baseada nas potencialidades das crianzas; a atención á diversidade entendida como un valor engadido; unha escola aberta ás familias, con diferentes xeitos de participación e colaboración, aspecto imprescindible para a tarefa compartida do desenvolvemento integral de cada unha das nenas e nenos; a profesionalidade das profesionais, cun rol docente determinado, analizado, pensado e mellorado para dar as respostas educativas pertinentes; un plan de formación continuo e de alta calidade
De todo iso xa non queda case nada, as crianzas descoñecen a lingua galega, aumento da ratio que dificulta unha atención individualizada, falta de coberturas do persoal, ausencia de formación específica de calidade o profesorado, falta de tempos de atención indirecta para poder levar a cabo traballos en equipo, planificacións, intervencións, programacións, xa que no canto de ser dúas horas á semana, tan só poden contar con xuntanzas voluntarias tres veces no curso, impedindo tempos para todas as tarefas educativas que rodean á atención ás crianzas e lle dan valor e calidade.
Cara onde camiña a escola infantil 0-3 pública galega ?
As escolas infantís de Galiza que foron referente pedagóxico, xa non teñen rede. Viven en compartimentos estancos, tan só recibindo ordes e mandatos de instancias superiores,que nada teñen que ver coa pedagoxía, nin coas crianzas, e externalizando todos os seus servizos, alleos á calidade educativa que se pretendeu algún día.