ROSANA PÉREZ PREGUNTA AO GOBERNO COMO PENSA DOTAR DE CARGA DE TRABALLO A NAVANTIA
Madrid, 1 Xuño 2013. A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara para preguntarlle ao Goberno como pensa dotar de carga de traballo aos estaleiros de Navantia na Ría de Ferrol, cuxos traballadores están xa nunha situación desesperada, nunha situación límite.
Rosana Pérez advirte ao Goberno que as gradas dos estaleiros públicos galegos están valdeiras, sen carga de traballo e todo indica que estamos ante a aplicación dun novo plan de reestructuración do sector naval. E alerta que a falta de carga de traballo incrementou de tal xeito a subvactividade que o perigo de deterioro do capital neto da empresa é xa algo máis que unha ameaza.
Navantia na Ría de Ferrol cada vez máis acorralada
A deputada do BNG considera que non existe xustificación para proceder a un novo plan de reestructuración que conlevará menos capacidade, menos cadro de personal, como pasou nos anos 80 ou en 2004. A deputada nacionalista afirma que cada vez temos máis restriccións ao sector militar e unha redistribución territorial desa actividade que vai en contra de Navantia na Galiza, en alusión a que primeiro se enfrentou a Astano- Puerto Real, pechando na práctica o estaleiro da Ría de Ferrol; agora, da a sensación de que se vai enfrontar Puerto Real a Navantia-Ferrol en detrimento de éste.
Rosana Pérez acusa ao Goberno de levar a cabo este plan de reestructuración para aplicar antes de 2015, coa intención de que o actual veto que expulsou da construcción civil ao estaleiro de Fene, continúe. A destrucción de emprego directo e indirecto, sinala, vaise ir incrementando até límites catastróficos se non se para.
A parlamentar nacionalista reprocha ao Executivo que non estea negociando xa a eliminación do veto sobre Navantia Fene e que se permita calquera actividade relacionada co obxecto social da empresa. E acusa ao Goberno de pasividade e indiferenza ante as consecuencias derivadas desta situación: paro desmesurado, empobrecemento, emigración e depresión social e económica.