O BNG esixe ao Ministerio de Defensa que cumpra coas súas obrigas tributarias coa cidade

IMG_20190412_101941
Ramón Fernández, Iván Rivas e Néstor Rego
O BNG esixe ao Ministerio de Defensa que cumpra coas súas obrigas tributarias coa cidade

O voceiro do BNG en Ferrol, Iván Rivas e o candidato ao Congreso dos Deputados pola provincial da Coruña, Néstor Rego, compareceron esta mañá diante das instalacións do antigo acuartelamento do Sánchez Aguilera para abordar o impacto económico, laboral e urbanístico do Ministerio de Defensa en Ferrol.

Rivas afirmou que Estado condiciona de maneira fundamental desenvolvemento da cidade, dende tódolos puntos de vista. No caso urbanístico, cun convenio que está pendente do seu desenvolvemento dende hai máis de 20 anos, grazas, insistiu, á complicidade de gobernos locais que eximen de toda responsabilidade ao Estado respecto das propiedades que posúe no Concello. No ámbito económico, permitindo que o Estado non compense de ningunha maneira aos veciños da cidade, condicionando tamén o desenvolvemento social e o emprego a través dunha empresa pública, como é Navantia, controlada polo ministerio de Defensa e que no momento actual depende decisións militares como a execución das F110.

Trátase, sostén Iván Rivas, dun convenio especulativo, posto que Ferrol ten o 20% das vivendas baleiras e perde 1.000 habitantes ao ano. Construír 460 vivendas novas e un centro comercial no Sánchez Aguilera, ademais de contraditorio é insistir nos erros da burbulla inmobiliaria.

Ao respecto do derrubo da muralla, o obxectivo non é establecer unha simple conexión visual substituíndo a muralla por unha reixa.

O obxectivo é incorporar os terreos que se atopan tras a muralla á trama urbana da cidade. O derrubo do que falan PP, PSOE e FeC non é máis que un paliativo. Ferrol é unha cidade incompleta, cun acceso privilexiado ao mar que precisa recuperar.

Neste sentido, o BNG lamenta o silencio das organizacións políticas que teñen presenza na cidade, non só no momento actual, senón ao longo das ultimas décadas, nun Ferrol sometido a procesos de reestruturación permanente e a unha usurpación dos seus bens e patrimonios, así como da súa riqueza.

O voceiro do BNG en Ferrol considera fundamental a presenza de deputados/as desta organización no Congreso, co obxectivo de para facer visible unha situación que leva ao Concello de Ferrol ao seu suicidio urbanístico, económico e social. “Ou ben asumimos que esta realidade cómpre mudala ou o futuro que lle espera a esta cidade vai seguir condicionado por decisións que non dependen de nós, que se controlan dende a administración estatal e que en Ferrol se levan moitísimo tempo silenciando e asumíndose como normais produto dunha submisión política que é intolerable”, apuntou o candidato á alcaldía.

Pola súa banda, o candidato do BNG ao Congreso pola provincia da Coruña, Néstor Rego, comprometeuse a por sobre a mesa un cambio de comportamento do Ministerio de Defensa, obrigándoo a cumprir coas súas obrigas tributarias co Concello e a darlle unha saída diferente á perspectiva laboral en Navantia. “Nós entendemos que é  fundamental privilexiar a construción naval civil para evitar esa dependencia permanente das decisións militares”, afirmou Rego.

 

O BNG esixe ao Ministerio de Defensa que cumpra coas súas obrigas tributarias coa cidade