O BNG gañou o debate sobre o modelo deportivo para a cidade por incomparecencia do PP
Ferrol, 12 de maio de 2019. O BNG de Ferrol gañou hoxe o debate que lle propuxo
ao PP para confrontar ideas sobre o modelo deportivo para a cidade. Os populares
decidiron non comparecer pese que a súa candidatura está conformada por
profesionais do deporte, tanto do baloncesto coma de outros ámbitos. Os nacionalistas
estiveron presentes no día de onte no partido do Basketmi Ferrol e puideron
comprobar as dificultades que teñen, por exemplo, de acceso ao propio pavillón.
A realidade desta cidade é que tanto neste mandato coma no anterior dirixido polo
actual candidato do PP, José Manuel Rey Varela, os fondos públicos consignados para
o deporte se destinaron fundamentalmente a promocionar o deporte de elite a través de
convenios nomitativos, que supoñen por exemplo, que o propietario privado do Rácing
de Ferrol (ao cal este Concello vendeu as accións) teña xa recuperado todos os seus
cartos mediante ditos convenios “a dedo” durante os últimos catro anos, grazas á
complicidade do PSOE, PP e FEC. “Este non é máis que un exemplo da maneira de
repartir un diñeiro que dende o BNG pensamos se debería xestionar de xeito
totalmente diferente, establecendo criterios transparentes e de concorrencia
competitiva, para que o deporte de base na cidade de Ferrol poida ter o
desenvolvemento que precisa”, afirmou o candidato nacionalista, Iván Rivas.
Neste sentido, Rivas apuntou que hai escolas de Surf que teñen necesidades básicas
sen cubrir, cando se trata dunha especialidade deportiva en alza que cada vez conta
con máis usuarios e usuarias sobre todo nas épocas estivais. “O único que están a
atopar na actualidade son atrancos por parte das administracións locais”, indicou.
Doutra banda, os clubes de remo e deportes náuticos, que seguen a carecer das
mínimas infraestruturas, como pode ser un pantalán de acceso á ría ou vestiarios para
poder traballar con normalidade cos nenos e nenas que acoden a diario as súas
instalacións.
Tamén os que desenvolven a súa actividade nos campos de fútbol base que existen na
cidade, carecendo da regulación e da ordenación necesarias, en moitas ocasións coas
necesidades básicas sen cubrir.
Existen ademais moitas especialidades deportivas que seguen ocultas, que se
desenvolven exclusivamente polo esforzo dos propios integrantes de ditos clubes. “É
necesario comezar a asumir que o deporte de elite ou profesional non debe ser a
prioridade do Concello e que a súa xestión debe desenvolverse en paralelo á xestion
do deporte base na cidade. O Concello debe ademais de facilitar o acceso aos nenos e
nenas á practica deportiva que consideren oportuna, permitir a socialización, o lugar
de encontro e fomentar os valores de compañeirismo e deportividade entre a
mocidade”, apuntou Rivas.