Iván Rivas: É o momento de exixir investimentos na liña ferroviaria Ferrol- A Coruña para a súa modernización.
O noso portavoz municipal, Iván Rivas, estivo esta mañá na estación de ferrocarril de Betanzos-Infesta na compaña de Amelia Sánchez (voceira en Betanzos) e Francisco Jorqera (portavoz na Coruña) para arroupar ao deputado no Congreso, Néstor Rego, quen lle presentou aos medios unha iniciativa para que o Estado construa dunha vez o bypass en Betanzos que reduza por volta de 20 minutos a viaxe entre Ferrol e A Coruña.
Ferrol 5 de abril de 2021. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG en Ferrol, participou esta mañá na estación de ferrocarril de Betranzos-Infesta nun acto xunto co portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, a portavoz municipal do BNG en Betanzos, Amelia Sánchez, e na Coruña, Francisco Jorquera, para esixir a construción do by-pass de Betanzos e melloras na liña ferroviaria Ferrol-A Coruña .
Iván Rivas, sinalou que Ferrol atópase illada do resto de Galiza. Lembrou que a vía ferroviaria Ferrol-A Coruña, é unha vía de máis de 100 anos que soporta tempos de viaxe excesivos, con material obsoleto, infraestruturas abandonadas, supresión de paradas e horarios absurdos, non se atopa así por un problema de carácter económico. Atópase así por falta de vontade política, como demostra que o Estado español apenas fixo investimentos nesta via cos máis de 12.000 millóns de euros que o ADIF recibiu da Unión Europea para a modernización das infraestruturas feroviarias no periodo 2000-2007 e cuxo destino se distribuiu con criterios de carácter político que excluiron esta vía ferrea.
Iván Rivas indicou que isto acontece nun país e nunha cidade como Ferrol na que existen cómplices internos, como o alcalde de Ferrol que afirma que é necesario desenvolver un novo estudo cando todas somos conscientes que este é un problema reiterado. Un problema sobre o que o BNG leva moitisimos anos reclamando a construción dun bypass, a electrificación e a dupla vía para cando menos reducir a distancia e tempo que existe entre a cidade de Ferrol e a cidade da Coruña.
Rivas indicou que é fundamental insistir en revertir esta dinámica. Este problema que non se vai a resolver mediante estudos senón que se vai resolver mediante consignacións orzamentarias concretas, neste caso vía Orzamentos do Estado que é o que debería estar reclamando, a día de hoxe, o Alcalde de Ferrol e non desenvolvendo novos estudos.
Iván Rivas tamén lembrou a hipocrisía do presidente da Xunta de Galiza que asinou cun ministro socialista, José Blanco, o Pacto do Obradoiro. Pacto que esqueceu durante os mandatos de M.Rajoy e que agora de súpeto volve a lembrarse de que a cidade de Ferrol está illada do resto de Galiza. Un PP que ademais pasa de pontas por unha demanda fundamental para o futuro das cercanias no país, como é a constitución dunha empresa ferroviaria galega
Para Iván Rivas é fundamental revertir esta situación para poder sair deste illamento que levamos anos sufrindo e que responde a un trazado ferroviario de hai máis de 100 anos e non a situación actual.
Néstor Rego
Néstor Rego, portavoz do BNG no Congreso, deu conta da proposta do BNG de que sexa construido o Bypass en Betanzos que permita reducir considerabelmente o tempo de duración da viaxe entre Ferrol e A Coruña. Indicou que a situación actual desta liña ferrea é un sinsentido actualmente e lembrou que estamos falando dunha via ferroviaria mal deseñada e que ademais non coñeceu modificacóns substanciais en mais de 100 anos.
Rego sinalou que o BNG leva moitas decadas reclamando que se modernice esta liña, que se construa o bypass de Betanzos, que sexa correxido o conxunto do seu trazado e modernizada a plataforma para aumentar e mellorar os servizos nesta liña. Lembrou que o BNG presentou enmendas aos orzamentos do Estado tanto para a construción deste bypass, en concreto propoñiamos 20 millóns de euros, e para a licitación xa dos traballos de modernización da liña, 10 millóns de euros. Infelizmente ambas enmendas foron rexeitadas polo partido Socialista e por Podemos e se mantivo a única partida prevista para este bypass que son 128.000 €, unha partida ridícula pero que en todo caso permitiría iniciar os traballos para poder executar este bypass canto antes. Rego indicou que nos atopamos con que o Secretario de Estado de Infraestruturas, recentemente, anunciou que esta obra non era unha prioridade e que polo tanto non se ia facer aínda.
O BNG rexistrou varias iniciativas para insistir na necesidade de que as obras do bypass se fagan canto antes e que nos respondan o por que non é unha prioridade para o goberno. Tamén anunciou hoxe que o BNG presentou novas iniciativas, en concreto unha Proposición Non de Lei, para urxir ao Ministerio de Transportes a actuar de imediato porque esta obra é unha obra perfectamente asumibel dentro dos orzamentos actuais, xa que existen partidas xenéricas que se poden destinar a este fin o que a fai perfectamente asumíbel, necesaria e urxente.