ACTO CENTRAL DO BNG EN FERROL

Iván Rivas: "Só vós podedes transformar os 'imposibles' de hoxe nos 'posibles' de mañá"

acto torrente
Ramón Fernández "Mon", Néstor Rego, Ana Pontón e Iván Rivas
Iván Rivas: "Só vós podedes transformar os 'imposibles' de hoxe nos 'posibles' de mañá"

Ferrol, 22 de abril, 2019. O voceiro do BNG en Ferrol, Iván Rivas, interviu onte no acto central do partido da campaña das xerais, que tivo lugar ás 20:00 horas no Centro Cultural Torrente Ballester e no que tamén estiveron presentes Ana Pontón, Néstor Rego e Ramón Fernandez “Mon”. Arroupado pola militancia e  simpatizantes, o candidato á alcaldía incidiu na importancia de acudir a votar o vindeiro domingo. “Paga a pena saber que este país existe, que esta cidade existe porque vos loitades cada día para que exista. Vós, nacionalistas galegos e galegas sodes imprescindibles”, afirmou.

Rivas fixo referencia ademais no seu discurso á situación discriminatoria que vive Galiza e tamén Ferrol, en relación ás competencias do Estado. “ Se a AP9 está amortizada porque lle prorrogan as concesións? Se a lei é para todos por que nin o Mº de defensa, nin a autoridade portuaria, nin Navantia pagan impostos en Ferrol? Se non hai cartos por que despilfarráchedes 7.000 M de euros en sobrecustes nas obras do AVE con contratos amañados e subornos mentres aquí seguimos con vías de hai 100 anos?”, plantexou o voceiro.

Iván Rivas fixo tamén fincapé na importancia de que o BNG conte con representación no Congreso para mudar a situación que vive o país. “Os e as que tedes unha visión solidaria do mundo tedes que erradicar o conformismo e a decepción das relacións humanas.(...) Só vos tedes a imaxinación para inventar o futuro, só vos podedes transformar os “imposibles” de hoxe en “posibles” de mañá”, sentenciou.

Iván Rivas: "Só vós podedes transformar os 'imposibles' de hoxe nos 'posibles' de mañá"