O BNG propón que o concello xestione directamente a contratación da electricidade que consome
Ferrol 20 de xuño de 2022. Ivan Rivas, portavoz municipal do BNG, propuxo esta mañá ao goberno local que inicie os trámites para que sexa o concello directamente quen xestione a compra de enerxía eléctrica para o suministro das súas instalacións co fin de reducir a factura o que redundaría en beneficio dos veciños e veciñas da cidade.
Iván Rivas, portavoz do BNG, indicou que é oportuno que por parte da administración local se comecen a adoptar decisións que axuden a reducir a factura eléctrica do concello de Ferrol entre as que sinalou a xestión directa por parte de persoal municipal de mercar a electricidade que consumimos, un procedemento que cada día están a iniciar máis concellos no noso país e no conxunto do estado.
O BNG Lembra que o contrato de subministro de enerxía eléctrica no concello de Ferrol está caducado, finalizou no ano 2020, e se trata dun contrato que supón máis de 2 millóns de euros ao ano. Así mesmo, resulta evidente é notorio que este gasto está a ter un incremento dos seus custos polo prezo ao que está hoxe en día a enerxía e polo feito de depender dun intermediario que é o que merca a enerxía no mercado eléctrico.
Iván Rivas salientou que a alternativa e este modelo de contratación eléctrica pasa por mercar de maneira directa no mercado maiorista a enerxía por parte da administración local, igual que fan outras cidades no Estado.
Para o BNG isto implicaría ventaxas como que se suprimen os custos derivados dos beneficios da comercializadora, que rondan sobre o 20%, que se xeraría emprego, pois habería que contratar ao persoal encargado de mercar esa enerxía en función dos consumos que precisarían as instalacións públicas do concello de Ferrol. Esta sería a outra ventaxa, dado que constariamos cunha cuantificación dos consumos que se producen no concello e sobre os que poder actuar.
O BNG considera que impulsar esta medida é un proceso que non debemos deixar escapar e menos nun contexto actual no que carecemos de contrato, os prezos da enerxía estan disparados e no que as administracións deben traballar para reducir os custos que despois repercuten nos veciños e veciñas.