O BNG presenta unha moción pola defensa e mellora dos servizos ferroviarios

O BNG presenta unha moción pola defensa e mellora dos servizos ferroviarios

Ferrol 18 de xuño de 2013. O ferrocarril é un servizo público básico, sustentábel economicamente, que constitúe un elemento de cohesión e vertebración social, ademais de ser un factor de dinamización e equilibrio demográfico. Como medio de transporte é o elemento central dun sistema nacional de transporte intermodal e complementario, resulta o máis eficiente no que atinxe ao transporte de granel e mercadorías non perecedoiras, respectuoso co medio ambiente, e ademais fonte dun emprego de calidade.

 

O anuncio de recortes de Renfe Media Distancia, a eliminación da maior parte das estacións e apeadeiros da Galiza, a negativa dun servizo de proximidades ou o proceso de privatización e liberalización de infraestruturas, material e servizos, leva ao sector ferroviario galego a unha situación dramática, de desmantelamento de servizos e infraestruturas.

 

Mentres no Estado, nos últimos quince anos, levouse a termo a modernización ferroviaria, na Galiza adíanse os investimentos necesarios e négaselle unha rede compatíbel para persoas viaxeiras e mercadorías, unha dupla vía e electrificada, que prime a mobilidade interior, con conexións axeitadas con Portugal e co resto do Estado. O Goberno Central ignora, á mantenta, que Galiza posúe aproximadamente a metade dos núcleos de poboación do Estado, mentres carece de servizos ferroviarios de proximidade.

 

As consecuencias desa política ferroviaria do Estado van ser moi graves para A Coruña-Ferrol cunha infraestrutura de hai cen anos, e onde se pretenden eliminar servizos, dos sesenta e dous actuais a cuarenta e seis. Para Vigo-Ourense, e as poboacións intermedias, polo Miño, que será de mercadorías desde o porto de Vigo, e onde se eliminarán servizos de media distancia, como o tren de Ponferrada que agora chega ás 2 da tarde. A liña A Coruña-Lugo-Monforte, que quedará con servizos de longa distancia a Madrid e Barcelona, mais coa posibilidade de perder un dos dous de media distancia que ten. Monforte-O Barco de Valdeorras que seguirá só cos trens de longa distancia (Madrid e Barcelona ou Euskadi), mentres non rematen o AVE Ourense-Puebla da Seabra. E o ramal Santiago-Ourense que é o troncal do AVE cando remate de facerse no 2018 e, en consecuencia, a liña convencional Santiago-Ourense quedará morta, pois a duración da viaxe será de dúas horas, cando no AVANT será de 30 minutos, quedando ademais O Carballiño fóra.

 

A Xunta de Galiza debe encarar este grave problema e asumir todos os servizos interiores do noso país a través dunha transferencia da infraestrutura e do material rodante, realizando previamente o Estado un investimento para poder dispoñer dun bo tren convencional. A proximidade hai que levala tamén a Lugo-Sarria-Monforte, a Monforte-Ourense, a Vigo-Pontevedra-Tui-Valença.

 

A ese proceso de transferencia ha de seguir a creación dunha compañía pública ferroviaria galega que, partindo de sermos unha unidade económica e social a vertebrar, xestione os servizos ferroviarios no interior do territorio galego.

 

 

 

Por todo isto, solicitamos do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

 

 

ACORDO

 

Instar á Xunta de Galiza a

 

  1. Reclamar do Goberno do Estado que desista do proceso de desmantelamento de servizos ferroviarios no noso país, e de calquera tipo de proceso privatizador da xestión da empresa en calquera das súas seccións, reclamando o mantemento das liñas existentes (A Coruña-Ferrol, A Coruña-Lugo-Monforte, Vigo-Ourense, Ourense-Monforte-Ponferrada, Ourense-Puebla da Seabra) e unha mellora dos servizos e frecuencias que se veñen prestando en territorio galego.

  2. Reclamar do Goberno do Estado restaurar as paradas, polo menos como facultativas, dos actuais servizos de media distancia Ferrol-A Coruña, que foron eliminadas, deixando sen servizo ferroviario a maioría dos concellos do itinerario.

  3. Reclamar do Goberno do Estado a posibilidade de se poderen usaren os trens a e desde Madrid, como servizos de media distancia, cos prezos de billete acordes con esta clasificación, no itinerario Ferrol-Lugo-Ourense, e Ferrol-Coruña-Santiago, como forma de colaborar á conexión desta comarca co resto da Galiza.

  4. Demandar do Estado as transferencias en materia de ferrocarril interior, xunto cun financiamento axeitado, co obxectivo de crear unha compañía pública ferroviaria galega que mellore a prestación deste servizo no noso país e permita acometer as infraestruturas e desenvolver os servizos de transporte ferroviario na Galiza que contribúan a vertebración económica, social e territorial do país.

  5. Demandar do Goberno do Estado o mantemento e desenvolvemento dos talleres e actividades auxiliares existentes na Galiza, así como a creación de módulos de formación Profesional vinculados á actividade ferroviaria.

  6. Demandar do Goberno do Estado amodernización da infraestrutura e do material rodante comezando pola execución dun By-Pass en Betanzos-Infesta para posibilitar que a duración da viaxe, Ferrol-A Coruña non exceda dunha hora.

 

O BNG presenta unha moción pola defensa e mellora dos servizos ferroviarios