O BNG presenta unha moción esixindo melloras nos servizos da antiga FEVE
Ferrol 27 de outubro de 2014. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol ven de presentar unha moción, que será debatida no pleno de fin de mes, no que piden melloras para os usuarios e traballadores do servizo de ferrocarril de vía estreita, a antiga FEVE, e na que esixen do Goberno do Estado, de ADIF e Renfe das actuacións inmediatas para acabar cos continuos atrasos que se veñen producindo nos servizos de Feve na Galiza, con grave prexuízo para os viaxeiros,.
Así mesmo demandan que se acometan traballos urxentes de conservación e mellora da infraestrutura, en especial consolidación de trincheiras, limpeza de vexetación e renovación de travesas, vías e balastro e se proceda a revisión e mantemento adecuados do material rodante dispoñíbel, así como a oportuna renovación.
O BNG salienta na súa moción que a situación que atravesan os servizos ferroviarios de vía estreita, antiga FEVE, que comunican a nosa cidade coa comarca do Ortegal e A Mariña esta sendo moi deficiente en canto a calidade do servizo, con continuos retrasos o que demostra que a dirección de RENFE RAM non ten ningún interese na potenciación e mellora desta liña ferroviaria.
Ademais o BNG indica que podemos atoparnos con unidades de viaxeiros (ferrocarrís) que levan avariados desde hai anos, o que unido à falla de mantemento das infraestruturas provoca que a prática totalidade das expedicións cheguen ao seu destino con retraso. Así pois este verán, por poñer só un exemplo, en 92 días só unha expedición chegou à súa hora.
Estes retrasos veñen motivados por un aumento das precaucións nas trincheiras debido a falla de conservación das mesmas desde fai máis de 10 anos, non se corta a maleza, producindo a aparición de túneles vexetais unido as deficiencias pola falla de conservación das propias vías.
Moitas das viaxes os ferrocarrís circulan sen interventores, provocando que teñan que facer parada en todas as estacións, cando coa presencia deste persoal as viaxes gañarían axilidade xa que so pararían naquelas estacións para as que hai solicitudes de paradas.
É por isto que desde o BNG se reclama unha adecuación dos servizos ás necesidades sociais, colaborando a unha verdadeira relación intermodal, tanto nas comarcas de Ortegal e Ferrolterra como na Mariña. En particular, solucionar as deficiencias observadas no funcionamento de Feve en relación co Plano de Transporte Metropolitano, e garantir conexións de algúns servizos procedentes de A Mariña e Ortegal cos respectivos de Renfe, especialmente en dirección a Coruña.
Tamén piden que se dote a FEVE na Galiza do persoal e dos medios adecuados para garantir unha atención correcta das necesidades do servizo, incluído o control real do número de viaxeiros e a a correcta atención ao público.