O BNG pide que se aclaren os termos do acordo entre Navantia e Fincatieri
Ferrol 4 de novembro de 2021. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no concello de Ferrol,instou esta mañá ao alcalde da cidade a interesarse polo acordo asinado entre Navantia e o grupo italiano Fincantieri para coñecer cal vai ser a súa repercusión sobre o estaleiro da nosa cidade. Para Iván Rivas é significativo que o acordo de colaboración se circunscriba en exclusiva ao ámbito militar e que continúe na senda de limitar aos estaleiros da ría de Ferrol para que poidan acceder a todo tipo de mercados incluído o mercado de buques civís. Sobre todo, tendo en conta que Fincantieri desenvolve unha boa parte do seu traballo neste sector da construción naval onde lidera a construción de buques cruceiros no mundo e copa o mercado en Europa tal e como se reflicte nos informes sobre a construción naval destes anos.
Outro aspecto significativo deste acordo é saber en que termos se desenvolve respecto da posible constitución dun gran grupo europeo da defensa tal e como se recolle no informe sobre o estado da situación financeira da empresa de 2020.
Nese informe defínese como risco non financeiro a unificación do mercado europeo da defensa e a creación dunha empresa europea da construción naval: “ A unificación podería implicar a especialización por produtos de dicho mercado coa conseguinte redución da cota de mercado internacional”.
Por último é fundamental coñecer cales son as implicacións e consecuencias deste acordo desde o punto de vista da carga de traballo dos estaleiros da ría.
Polo tanto sendo conscientes da exclusión que neste acordo se fai respecto das posibilidades para desenvolverse no ámbito civil dos estaleiros da ría, os risos que implica a creación dunha empresa única da construción naval europea e as consecuencias na carga de traballo dos estaleiros, Iván Rivas considera fundamental que se dea conta dos aspectos concretos deste acordo e con este obxecto presentaremos unha pregunta no congreso dos deputados que permita clarificar todas estas cuestións e os riscos inerentes a ela.