o BNG organizou un acto público en Santa Mariña, onde incidiu na situación na que se atopan as infraestruturas da cidade
Ferrol, 16 de maio de 2019. O BNG de Ferrol desenvolveu esta tarde un acto público no barrio de Santa Mariña, un evento que tivo lugar no local da asociación de veciños e no que precisamente interviron, ademais do candidato á alcaldía, Iván Rivas, a súa presidenta María Rivera e o seu secretario, José Ramón López, que forman parte da lista dos nacionalistas para os vindeiros comicios.
O voceiro do BNG de Ferrol incidiu durante a súa intervención nos problemas que durante os últimos anos levan tratando de resolver no barrio, como é a execución da pasarela peonil que conecta os barrios de Santa Mariña e o Ensanche A.
Despois de múltiples mocións ao pleno, manifestacións e concentracións cos veciños e veciñas fomos capaces de presionar ao goberno local para que consignase nos orzamentos municipais a dotación económica necesaria para a súa execución e a contratación dos traballos da pasarela peonil.
Pero isto, pese a esforzo que supuxo acadalo, non é máis que o inicio, o punto de partida para comezar a resolver problemas do barrio que levan enquistados anos e anos, produto da absoluta indolencia do Estado ao respecto e da complicidade dos diferentes gobernos locais.
A reparación do muro de contención que discorre en paralelo á vía do ferrocarril é unha necesidade urxente deste barrio polo que supón de perigo físico para as persoas e porque impide xa a circulación peonil e rodada pola rúa Loureiros que discorre en paralelo a el.
Resulta vergoñento ver como unha responsabilidade directa do Ministerio de Fomento a través do ADIF se trata con tanta indiferenza. “Vai sendo hora de que os veciños e veciñas de Santa Mariña conten cun goberno local capaz de esixirlle ao Ministerio de Fomento que cumpra coas súas obrigas”, asegurou ao respecto.
Rivas recordou que os veciños e veciñas deste barrio estiveron presentes, a través da súa presidenta, na reunión que se mantivo coa subdelegación do goberno relativa ao estado de deterioro e desplome do muro de contención do ferrocarril ao seu paso polo barrio de Santa Mariña. Un encontro no que tanto o voceiro nacionalista como a presidenta e o secretario da asociación de veciños de Santa Mariña non saíron do seu asombro cando tiveron que escoitar por parte da representante do goberno do estado que nada se podía facer, que non se trataba dun problema político cando estamos a falar dunha empresa pública dirixida por un cargo político e que se financia a través de fondos públicos cos orzamentos do Estado. “Pero non se preocupen; que unha empresa pública como o ADIF, que manexa miles de millóns de euros, con amaños, sobrecustes, fraude e subornos polo medio e co horizonte da privatización á vista que aquí significará o desmantelamento, non é un problema político”, ironzou o voceiro do BNG en Ferrol.
Para os nacionalistas, o estado dese muro non é máis que o exemplo do desleixo coa que a administración estatal trata a esta cidade, que continúa cunha conexión ferroviaria que ten un trazado de hai máis de cen anos. “Mentres os subrecustes das obras da alta velocidade superan os 7.000 millóns de euros, tal é como se recolle no demoledor informe do Tribunal de Contas Europeo de xuño de 2018 sobre o ADIF, no que ademais se afirma que a decisión de construír liñas se basea en consideracións políticas”, afirmou o candidato á alcaldía. “É dicir, non é un problema de cartos é un problema de falta de vontade política” insistiu.
Diante desta actitude, a única maneira de mellorar a situación das infraestruturas ferroviarias na cidade é un goberno local contundente que deixe de ser sumiso e cómplice co maltrato do Estado e para iso unha importante presenza do BNG é determinante.
Vai sendo hora de decir basta e exixir a execución inmediata dun By Pass en Betanzos, a electrificación das vías e dupla vía rectificando curvas e trazado para poder contar na cidade.