O BNG lembrou, un ano máis, a Carvalho Calero
Ferrol 31 de marzo de 2014. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol celebrou o pasado sábado 29 de marzo à súa tradicional homenaxe anual ao profesor Ricardo Carvalho Calero cunha ofrenda floral ao pé da súa casa natal no bairro de Ferrol Vello.
Neste acto que serviu para lembrar a figura de Carvalho Calero no 24 aniversario da súa morte tomou a palabra o portavoz municipal do BNG, Iván Rivas, que afirmou que o intelectual ferrolán foi marxinado na súa vida e que tamén foi marxinado após a súa morte polo que significaba a súa figura, por ser continuador do pensamento de Castelao, por ter unha concepción propia da nosa existencia, da nosa cultura e da nosa vida, en definitiva por ser nacionalista e por ser un galego consciente.
Así mesmo o portavoz nacionalista denunciou a actuación das administracións para coa nosa lingua e cultura e a visión institucional e burocrática da mesma. Nesta liña enmarcou a actuación do goberno municipal e a propia xunta de Galiza nesta maneira institucional e burocrática de concibir a expresión cultural e lingüística que non é máis que a expresión dunha visión acomplexada da nosa propia existencia. Censurou a constante referencia que se que pretende facer agora a Carvalho Calero mediante un proceso de mitificación non ten máis obxecto que ocultar e non sacar á Luz o verdadeiro pensamento do profesor Carvalho Calero.
Rivas referiuse tamén a grande riqueza cultural, patrimonial e artística da nosa cidade, vivimos nuns momentos de gravidade extrema nos que se pretende mediante a uniformidade crear unha especie de control único que non ten que ver só coa cultura senón que se fai con calquera tipo de movemento social que se alonxe dos parámetros que se marcan desde a centralidade.
Indicou que nunha cidade como Ferrol isto é evidente, a situación na que se atopa esta cidade en todos os seus eidos tanto a nivel cultural como a nivel económico respecto dos principais sectores produtivos ou incluso respecto da situación do patrimonio arquitectónico e urbano da cidade é boa proba disto. Afirmou que Ferrol é unha cidade que ten unha potencialidade e un abundante e rico, pero descoñecido, patrimonio arquitéctónico e urbano onde o barrio de Ferrol Vello é un exemplo evidente dese abandono e a proia casa natal de Carvalho é a proba evidente de como unha administración pública fai deixádez das súas obrigas.