O BNG esixe ao goberno local que atenda as demandas dos afectados polo peche de Irmandiños
Ferrol 5 de novembro de 2013. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol esixiu esta mañá ao goberno local que atenda as demandas dos comerciantes do mercado central e da rúa da Igrexa afectados polas obras na estrada de Irmandiños e demandou que planifique os traballos en colaboración cos colectivos afectados.
O BNG de Ferrol apoia as demandas deste colectivo e que se centran en que as obras que afectan ás rúas Irmandiños ,e colateralmente afectan ao tráfico en Igrexa, dean inicio en febreiro de 2014 respectando a campaña de nadal e as rebaixas posteriores, que durante as obras se habiliten aparcadoiros de superficie que substitúan aos que se eliminan, como o arboredo do mercado ou o muro do arsenal como aparcadoiros urxentes e provisionais, que durante a execución das obras se manteña un carril na rúa Irmandiños, en lugar de dous sentidos na rúa da Igrexa.
Para o BNG estas situacións veñen derivadas da aplicación do convenio asinado co Ministerio de Fomento a través da empresa ACUAES para as obras do saneamento da marxe dereita da ría de Ferrol. Un convenio para financiar estes traballos e que pese a tratarse dunha infraestrutura declarada de interese xeral somos os veciños de Ferrol e Narón os que temos que asumir o coste da infraestrutura e do seu mantemento e na que como se demostra agora os veciños e veciñas desta cidade non teñamos capacidade para decidir sobre a propia execución da obra tal e como estamos a ver respecto dos prazos de execución das obras en irmandiños.
O BNG cre que estas decisións do goberno inciden negativamente sobre o comercio local e están a aumentar o grado de precariedade do mesmo en relación coas grandes areas comerciais da cidade, tanto as existentes na actualidade como as que están por abrir ou as que estan planificadas como acontece co macro-proxecto de centro comercial previsto na parcela do Sanchéz Aguilera