O BNG defenderá no pleno a ampliación da piscina de Caranza e un novo regulamento de usos.
Ferrol 18 de marzo de 2021. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no concello de Ferrol, compareceu esta mañá acompañado de Jorge Jimenez do club Natación Ferrol e Jaime Rúiz do club Triatlón Ferrol para abordar a problemática existente na piscina de Caranza debido aos seus altos índices de ocupación e para anunciar que levarán ao pleno de fin de mes unha proposta para a ampliación da piscina de Caranza coa construción dun novo vaso así como a elaboración dun novo regulamento de cara á tempada que ven.
Iván Rivas advertiu que non é a primeira vez que poñen enriba da mesa a problemática que levan tempo padecendo os clubs e as usuarias da que desenvolven as súas actividades nesta piscina debido ao actual modelo de xestión e ao seu elevado índice de ocupación. Sendo conscientes de que esta tempada 2020/21 vivimos nunhas circunstancias singulares é precisamente por isto que cómpre que de cara ao inicio da próxima tempada deportiva o concello adopte as decisións necesarias para resolver os problemas que están a condicionar a práctica deportiva aos usuarios e usuarias, aos clubs deportivos e mesmo aos traballadores e traballadoras que desenvolven a sua actividade nesta instalación de carácter municipal.
O BNG xa ten denunciado noutras ocasións que a maneira de xestionar e o reparto da piscina da instalación de Caranza está a limitar a posibilidade de que os clubs poidan cubrir todas as súas necesidades.
Co obxectivo de intentar resolver esta problemática, a curto prazo, é fundamental que aproveitemos os meses que quedan antes do inicio da nova temporada para desenvolver un novo regulamento que sexa eficaz e que permita unha xestión acorde coas necesidades dos clubs. Un regulamento no que a participación dos clubs na súa elaboración é fundamental. Así mesmo debería ter en conta tres aspectos básicos.
En primeiro lugar é fundamental ter en conta a posibilidade de dispoñer doutras instalacións para que poidan desenvolver as súas actividades, en concreto a piscina de Batallóns ou outras piscinas que puidesen existir no Concello. Para isto, ou ben o concello incorpora esa piscina ao regulamento e todos os clubs poden ter acceso a esa instalación, que convén lembrar que é unha instalación publica, ou ben lle damos carácter prioritario para a utilización da piscina de Caranza aos clubs que non dispoñen desa instalación, ponderando esta prioridade nestas mesmas bases.
A segunda opción, seria estabelecer criterios, claros transparentes e equivalentes para determinar o numero de usuarios que cada club ou entidade aporta ou demanda para o uso desta instalación.
A terceira ten que ver con ter en conta a disciplina deportiva e a categoría para a asignación do espazo na piscina de Caranza. Tres criterios que servirían para desenvolver un regulamento para a utilización desta instalación acorde as necesidades actuais dos clubs.
Iván Rivas lembrou que hai tempo que nesta cidade somos conscientes da alta demanda que existe para contarmos cunha nova lámina de auga. Tanto polas usuarias que demandan acudir a unha piscina como polos clubs deportivos que ten o concello. Por isto unha opción viable sería a ampliación da piscina de Caranza, dotala dun novo vaso que permita ampliar esta instalación e que cubra a demanda tanto de usuarios e usuarias como de clubs deportivos. Esta proposta será debatida no vindeiro pleno municipal co obxectivo de que este proxecto se incorpore aos novos orzamentos municipais para este ano 2021.
A proposta de ampliación da piscina de Caranza suporá, así mesmo, unha redución do custe con respecto a outra alternativa que seria a construción dunha nova piscina no concello de Ferrol. Cómpre lembrar que a opción de desenvolver unha nova piscina, tense comentado en diferentes ocasións na cidade e diferentes grupos municipais situábana nunha parcela do Bertón que ten uso deportivo. Ista opción non seria actualmente viábel dado o pacto ao que PP e PSOE teñen chegado para ubicar alí a residencia de maiores que se Ía construir no Boial. Este pacto inviabiliza a posibilidade de instalar unha nova piscina nesa parcela.
A ampliación da piscina de Caranza sería factíbel nun periodo de prazo de tempo, máis ou menos, curto, reduciría o custo e posibilitaría dar cobertura a alta demanda existente na cidade de Ferrol,
Jorge Jimenez, Director ténico do Club Natacion Ferrol
Destacou que na actualidade o máis urxente para eles como clubs é a revision do actual regulamento, que fixo un reparto totalmente desigual e no que agora mesmo se atopan atopan con clubs que teñen outras instalacións polo que se fai urxente un novo regulamento e recalcou que os tres puntos expostos serían básicos para comezar a traballar na sua elaboración.
A demanda principal é aumentar a capacidade da lámina de auga e pasa por unha ampliación da piscina de Caranza ou unha nova instalación da que se leva falando anos pero da que non se sabe absolutamente nada.
Nesta comparecencia tamén participou Jaime Rúiz por parte do club Triatlon Ferrol que indicou que a elaboración do novo regulamento e a necesidade de contra con máis espazo na piscina é unha necesidade dos clubs.