O BNG cualifica de "insostíbel" a situación de desemprego na cidade
Ferrol 24 de xaneiro de 2014. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol, à vista das últimas cifras de desemprego na cidade, destaca que a situación no noso concello e na comarca faise cada día máis insoportábel e que estamos diante dunha situación insostíbel fronte a que os gobernos centrais e autonómicos non queren reaccionar e acusa aos alcaldes do Partido Popular da nosa comarca de complicidade e pasividade absoluta fronte a esta dramática situación.
O BNG lembra que a nosa cidade está a sufrir os efectos dun proceso de concentración do poder económico, produtivo e político que deriva na desertización de territorios como o noso e cuxas consecuencias directas son un acusado declive poboacional e unha taxa de paro do 32% nunha cidade na que só traballa 1/3 da poboación. Caldo de cultivo, en definitiva, para a emigración dunha mocidade preparada pero falta de expectativas e para o incremento da pobreza e a exclusión social.
O BNG considera que nestes momentos a nosa alternativa pasa pola defensa a ultranza do sector naval, para o que posuimos os medios e a capacidade de nos desenvolver no presente e no futuro, polo que esta loita, nestes momentos, non é só unha cuestión sindical, senón que estamos diante dunha cuestión de supervivencia social, ademáis de ter que servir como elemento dinamizador de cara a ampliación e diversificación industrial.
Con respecto ao principal sector produtivo da cidade, o sector naval, no que logo de mais de 30 anos desde que o goberno do estado decidiu o seu desmantelamento a cambio de que outros estados da Unión Europea puideran desenvolver este sector produtivo estamos diante da súa fase final, e mediante informacións contraditorías e terxiversacións permanentes, o goberno municipal non toma ningún tipo de decisión.
Para o BNG as nosas capacidades baten con decisións políticas que, como no caso do naval, levan ao progresivo desmantelamento do principal sector estratéxico da economía comarcal. O estaleiro de Fene permanece practicamente pechado polo inxusto veto á construción naval civil e Navantia Ferrol, sen carga de traballo, e limitada tamén por estes acordos políticos, perdeu máis de 2300 empregos no último ano. a
O desemprego, o peche de empresas, a redución de salarios, o aumento dos impostos e a apropiación dos nosos aforros para concentrar todavía máis o poder económico. As chamadas medidas de austeridade para reducir o déficit na práctica acaban traducíndose nun aumento do défict e da débeda, porque ese exceso de austeridade estrangula o consumo interno, cae en picado a produción e o emprego, de xeito que cae tamén a recadación pública.