O BNG contrario ao novo valado perimetral do cuartel de Dolores
Ferrol 29 de xuño de 2022. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol manifestou esta mañá a súa oposición ao proxecto que o Ministerio de Defensa ten previsto desenvolver para dotar dun novo pechamento ao cuartel de Dolores.
Iván Rivas portavoz municipal do BNG, salientou que se trata dun proxecto que se sitúa no camiño contrario ao que deberiamos ir nesta cidade. O ámbito máis urbano do concello de Ferrol precisa abrirse ao mar, desde un punto de vista visual, pero tamén desde un punto de vista de conexión e acceso a todos eses espazos que se sitúan detrás dos muros do Ministerio de defensa.
Iván Rivas considera que se algo debemos facer nesta cidade é incrementar a permeabilidade dos muros que a dia de hoxe existen e están a dividir a cidade en dous. Por iso desenvolver proxectos como este que o que fan é restrinxir a permeabilidade que existe a dia de hoxe nese espazo é un camiño errado.
O proxecto que promove Defensa consiste en mudar un peche, que a día de hoxe ten unha altura que non chega a un metro e polo tanto ten unha conexión diáfana entre eses espazos, e substituílo por un peche que sobrepasa os 2 metros de altura.
Iván Rivas indicou que o BNG preguntou por este proxecto na comisión de urbanismo celebrada esta mañá e a resposta por parte do goberno municipal non foi nada clara nada. A dia de hoxe desde o BNG non sabemos se esta obra obra conta coa anuencia do goberno local para desenvolvela, asi como se conta coas autorizacións sectoriais necesarias como a da Dirección Xeral de Patrimonio, por tratarse dun ben ben patrimonial.
O BNG lembra que este proxecto vai na liña contraria a algo que se asume como universal para calquera tipo de intervención urbanística como é o de incorporación de zonas verdes, e proxectos de arbolado. Aquí o que se nos propón é a retirada das árbores preexistentes. É por isto que o BNG cre que, cando menos, o goberno local algo debería dicir ao respecto e deixar de permanecer calado diante de comportamentos e proxectos como este que impiden permeabilizar a conexión do ámbito urbano da cidade con todo o que hai detrás dos muros de Defensa.