O BNG considera que é o momento de avanzar na peonalización da cidade
Ferrol 4 de maio de 2020. O Bloque nacionalista Galego de Ferrol instou esta mañá ao goberno municipal a que proceda a habilitar novos espazos peonís na cidade que de xeito transitorio complementen aos xa existentes de cara a facilitar as medidas de distanciamento precisas e así mesmo considera que é o momento de avanzar definitivamente no proceso de peonalización permanente que esta cidade precisa.
Para o BNG a afluencia masiva de veciños e veciñas nas rúas, paseos e zonas verdes da cidade como consecuencia das saidas permitidas na desescalada do confinamento por mor do COVID-19 obrigan ao concello a ter que adoptar medidas excepcionais como poden ser a restricción do tráfico rodado en determinadas zonas que permitan ampliar o espzao adicado as peóns de cara a poder pasear mantendo a distancia de seguridade minima entre persoas.
O BNG considera que hai que ter en conta que esta nova forma de vivir, relacionarse e os desprazamentos a pé non vai ser algo temporal e cómpre que redefinamos a mobilidade na cidade para termos uns espazos o máis seguros posibles para a saude.
Desde o BNG cremos queademais de adoptar medidas inmediatas para a habilitación de espazos para a circulación peonil é o momento de recuperar e desenvolver os procesos de humanización de espazos como os paseos de Caranza e A Malata ou a peonalización de barrios como o da Madalena, que este goberno local manten nun segundo plano, e acometer estas decisións de xeito global tendo en conta que as peonalizacións parciais ou progresivas únicamente provocan unha maior conxestión do tráfico.