O BNG advirte das taxacións obsoletas das propiedades do convenio con Defensa

Ivan Rivas
Ivan Rivas
Iván Rivas, portavoz do BNG no concello de Ferrol, afirmou que o entreguismo de Angel Mato ao Ministerio de Defensa lévao a tramitar un documento no que a nosa cidade sae perdendo. Vai sendo hora de que na nosa cidade os gobernos locais empecen a traballar na defensa dos intereses dos veciños e veciñas e non da administración central, esixindo a reversión gratuita de terreos e propiedades abandonadas durante décadas.
O BNG advirte das taxacións obsoletas das propiedades do convenio con Defensa

Ferrol 14 de setembro de 2022. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol, logo da publicación no día de hoxe do anuncio de exposición pública do convenio con Defensa e do proxecto de reparcelación do Sánchez Aguilera, alerta de que o goberno local pretende xustificar o pago ao Ministerio de Defensa de máis de 500.000 €, establecidos no convenio a través dunha taxación dos bens incluídos neste mesmo convenio obsoleta e que non se axusta ao marco xurídico que establece o texto refundido da lei do solo de 2015.

Iván Rivas, portavoz do BNG no concello de Ferrol, afirmou que o entreguismo de Angel Mato ao Ministerio de Defensa lévao a tramitar un documento no que a nosa cidade sae perdendo. Vai sendo hora de que na nosa cidade os gobernos locais empecen a traballar na defensa dos intereses dos veciños e veciñas e non da administración central, esixindo a reversión gratuita de terreos e propiedades abandonadas durante décadas.

O BNG sinala que segundo se recolle literalmente no apartado 2 do art. 34 do Texto Refundido da Lei do Solo de 2015 a valoración de operacións urbanísticas terá que referirse “á data de iniciación do procedemento de aprobación do instrumento que as motive”, é dicir, a aprobación inicial do proxecto de reparcelación.

Un documento no que se monetiza o 10% de aproveitamento que lle correspondería a administración local, 2,5 millóns de euros, uns importes que non chegarán ás arcas municipais porque o Alcalde da cidade pretende compensalos con propiedades incluidas no convenio con Defensa sobre a base dunha taxación feita de parte e no ano 2015 cando deberían referirse a data actual.

Para o BNG, ademais, na documentación achegada por parte do goberno local non se aporta ningunha xustificación da taxación desenvolvida por unha das partes, o INVIED, e por tanto estanse a vulnerar os criterios establecidos de maneira taxativa e pormenorizada no TRLS 2015 para proceder á valoración de propiedades urbanísticas.

Por todo isto e á luz da claridade do marco normativo sorpréndenos profundamente que por parte do goberno local se acepten como válidas unhas taxacións de hai 7 anos e que non se sometan ao escrutinio da intervención municipal os valores resultantes para determinar a súa adecuación á realidade.

Sorprende ademais que non só se aceptan acriticamente estes valores por parte do goberno local senón que se lle impide ao resto de veciños e veciñas da cidade desenvolver o traballo de análise e comprobación destes importes ao non incluír a taxación nos documentos de exposición pública, limitándose a acompañar cada unha das propiedades incluídas no convenio dunha cantidade económica, decidida unilateralmente polo Ministerio de Defensa, e das que descoñecemos a súa orixe e xustificación.

Por todas estas razóns o BNG insiste na necesidade de desvincular o convenio con Defensa do proxecto urbanístico para o antigo acuartelamento do Sánchez Aguilera co obxecto de redefinir ese espazo central da cidade para convertelo nun pulmón verde da cidade mediante a súa recalificación urbanística e integrar a súa parcela no sistema de espazos libres e zonas verdes da cidade.

O BNG advirte das taxacións obsoletas das propiedades do convenio con Defensa