O BNG acusa ao PP de sentenciar a morte á enseada da Malata
Ferrol 4 de novembro de 2013. O Bloque Nacionalista Galego acusa ao Partido Popular de sentenciar a morte à enseada da Malata e à ría de Ferrol e chama a mobilizarse contra a decisión do Ministerio de Fomento do goberno de España de aprobación de decantarse polo trazado sur para o enlace ferroviario ao porto exterior de Ferrol.
O BNG censura que o Goberno Central, nunha decisión totalmente cuestionábel, se reafirme na alternativa Sur como a máis adecuada para a construción do enlace ferroviario ao porto exterior, igual que cuestionamos a decisión de considerar ambientalmente viable este proxecto, xa que o mesmo vai incidir de xeito negativo nesta zona como incidiu, no seu día, a decisión de rechear o peirao carboeiro avalada polos partidos estatais en Madrid.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, reitera que o trazado sur, alternativa escollida por Fomento e respaldada polo goberno municipal do PP en Ferrol, só vai aumentar a degradación da ría e da enseada da Malata, que soporta un sector importante na cidade como é o relativo ao marisqueo. Indicou, así mesmo, que o trazado sur é unha alternativa que se escolleu unicamente por un criterio económico, que ten unha dubidosa racionalización en base ao propio estudo informativo, e que o impacto que vai ter sobre a degradación da ría e da enseada da Malata non vai ser mitigado por ningunha medida correctora e menos cando a única que se contempla é unha pasarela peonil que acompañará a este trazado e un viaduto sobre a mesma.