O BNG acusa ao goberno local de marxinar ao tecido asociativo local na programación de Carvalho Calero

rcc
Homenaxe do BNG na casa natal de Carvalho Calero
O BNG acusa ao goberno local de marxinar ao tecido asociativo local na programación de Carvalho Calero

Ferrol 10 de decembro de 2019. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol acusa ao goberno local de marxinar e silenciar aos verdadeiros artífices de que o Día das Letras 2020 se lle adique a Carvalho Calero o tecido cultural e social desta cidade. Cómpre lembrar que durante 20 anos foron os únicos que loitaron contra o silencio e contra quen pretendía ocultar a figura do profesor ferrolán esixindo que se lle rendirá esta oportuna homenaxe polo que é incomprensíbel que se lles deixe fóra e se lles exclúa da comisión organizadora que debe impulsar os actos de homenaxe a Carvalho Calero na nosa cidade.

 

Desde o BNG asistimos con preocupación aos movimentos e anuncios do goberno local sobre os actos de homenaxe a Carvalho Calero, sobre unha suposta comisión que ia dar cabida ao movemento social da cidade no deseño desta programación pero que a día de hoxe continúa a ser inexistente.

 

Para o BNG o goberno municipal de Ferrol pretende excluir destes a quen verdadeiramente posibilitaron e loitaron para que o profesor Carvalho Calero sexa a figura homenaxeada o vindeiro 17 de maio. Para o BNG o goberno local pretende contribuir de maneira decisiva ao branqueamento da actitude das institucións que durante todos estes anos déronlle as costas ao profesor Carvalho Calero, marxinaron a súa figura e obra por ser esta unha obra comprometida coa cultura galega, polo posicionamento político de Carvalho Calero e polas súas teses lingüísticas que avogan polo reitegracionismo lingüístico.

 

Si de por si xa debera ser obrigada a participación destes colectivos na confección deste tipo de actos, todavía o é máis no caso de Carvalho Calero.

 

Que o Día das Letras de 2020 se lle adiquen ao profesor Ricardo Carvalho Calero foi un triunfo do tecido social e cultural da nosa cidade polo que resulta incomprensíbel e censurábel privalos da opción de participar dun xeito directo na elaboración da programación ao redor da súa figura. Estamos nas vésperas de comezar o ano 2020 e incomprensibelmente non se produciu ningunha soa reunión do goberno municipal coas entidades da nosa cidade que mantiveron viva a figura do profesor.

 

Este comportamento demostra que a pretensión do goberno local é que os veciños e veciñas da cidade, o resto de grupos políticos e os diferentes colectivos que teñen sostido a figura do escritor ferrolán viva ao longo destes anos asistan como simples espectadores aos actos organizados unilateralmente polo concello desde unha visión sesgada e parcial do escritor.

 

Para o BNG faise necesario e imprescindíbel que o grande tecido asociativo da cidade vinculado à figura de Carvalho Calero teña un punto de encontro e voz para aportar as súas ideas e amplo coñecemento sobre traballo do intelectual ferrolán desde unha perspectiva na que non haxa tabús nin vetos.

O BNG acusa ao goberno local de marxinar ao tecido asociativo local na programación de Carvalho Calero