Acto de apoio á candidatura encabezada por Iván Rivas
Ferrol, 15 de maio de 2019. O BNG de Ferrol participou hoxe no acto poético-político-musical organizado polos promotores do manifesto de apoio á candidatura encabezada por Iván Rivas, un texto que supera xa as 80 firmas de persoas que non pertencen ao BNG.
A pesares dos constantes atrancos que se están a poñer diante da alternativa política que representan os nacionalistas, queda claro que conta co apoio fundamental das veciñas e veciños que organizaron o acto desta tarde, en representación de diversos colectivos da cidade como activistas ou persoeiros da cultura.
Persoas que teñen moi claro que Ferrol precisa as propostas contundentes que presenta o BNG de Ferrol en materias como economía, urbanismo e xestión dos servizos municipais. Porque é hora de que nesta cidade rematemos cos privilexios de administracións públicas como o Ministerio de Defensa ou a Autoridade Portuaria; e empresas como Navantia que non pagan os impostos como facemos os demais.
“É hora de que Ferrol deixe de ser unha cidade incompleta e que non só acometamos o derrubo da muralla do Arsenal, senón que integremos eses espazos privilexiados no tramo urbano da cidade. E é hora tamén de que o diñeiro dos ferroláns, se gaste nos ferroláns a través de investimento público, na rehabilitación urbana e arquitectónica da cidade e deixemos de entregar millóns e millóns de euros a transnacionais que xestionan os servizos principais coma o lixo ou a auga”, afirmou o candidato á alcaldía, Iván Rivas.
O nacionalista incidiu tamén na súa intervención en que a pesar da insistencia por convencernos de que todos estes temas son imposibles, o certo é que a política consiste en facer posible o imposible e loitar contra as inercias dos “realistas” que nunca serán capaces de transformar a realidade porque a aceptan.