A DIA do tren ao porto exterior non resolve o problemas que xera o "Trazado Sur"
Ferrol 9 de abril de 2013. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol considera que a publicación da DIA , na que inclúe a respostas as alegacións apresentadas ao estudo de impacto ambiental por parte de numerosos colectivos, o sábado día 6 deste mes, non resolve os problemas de ámbito económico nen medioambiental que a execución desta conexión ferroviaria co porto exterior mediante o trazado sur vai provocar.
Neste documento séguense a considerar efectivas as medidas paliativas propostas no estudo informativo como a construción dunha pasarela peonil que non resolve a degradación definitiva da ensenada da Malata a causa do trazado proposto , ademáis de que este novo documento esta unicamente a propoñer 5 alternativas para a reducción do número de piares, das que non determina cal debe executarse, e que ademáis non van a resolver a problemática xerada pola construción do viaducto previsto no Estudo Informativo ao que se formularon numerosas alegacións e ás que se da unhas respostas sucintas e pouco clarificadoras.
O BNG considera que este modo de proceder facendo pública a DIA e a resposta ás alegacións posteriormente de ter rematado o prazo para a licitación do proxecto amosa a escasa sensibilidade perante o alto nivel de degradación actual da ría e que este trazado Sur vai acrecentar, ademáis de obviar a importante resposta social que este trazado suscita na cidade.
A suxerencia de que a ensenada da Malata está altamente degradada mediante a afirmación de que a ensenada da malata é un espazo moi antropizado, e que por tanto este viaducto non vai incidir na súa degradación, e mostra do escaso interese por recuperar a ría e a ensenada da Malata e incidir máis no seu deterioro, cando as decisións que se deben adoptar sobre este contorno deben ir cara a procura da súa rexeneración mediante o seu saneamento integral co fin de recuperar este espazo con fíns económicos e medioambientais.
Para o BNG a execución do acceso ferroviario ao porto exterior non pode ser xustificación para afondar na destrucción da ría de Ferrol e que o propio documento admite ao sinalar que a construción e presenza do viaducto poden derivar na perda da calidade das augas por contaminación ou por a remoción de sedimentos contaminados ou da modificación da hidrodinámica e o transporte litoral, ademáis do impacto crítico que vai supoñer sobre o banco marisqueiro existente na actualidade, xa altamente degradado.
Ademáis, tal e como se recolle na propia publicación a contaminación acústica xerada polo tráfico que xenerará este trazado resolverase mediante estudos in situ e a afección sobre o patrimonio arquitectónico e etnográfico protexido polo planeamento municipal, quedará supeditada a decisións a adoptar por parte do equipo redactor do proxecto no caso de executarse os conductos de ventilación da estrutura.
Para o BNG e necesario afrontar a execución desta infraestrutura desde un punto de vista de conxunto, tendo en conta a necesidade de acometer o saneamento integral da ría, para o que este trazado Sur supón unha pexa máis, e a renovación das infraestruras ferroviarias de saída da cidade cara A Coruña, sen a cal esta conexión ferroviaria ao porto exterior non ten sentido.
Do mesmo xeito o BNG censura o comportamento deste goberno municipal que esta a actúar de maneira cómplice coa administración do estado, dando as costas as reclamacións e suxerencias feitas pola multitude de asociacións e colectivos implicados.