O BNG chama a secundar a folga para erguerse contra a dramática situación de Ferrolterra"
Ferrol, 7 de xuño de 2013.- O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, realizou un chamamento a participar na folga xeral convocada para o mércores 12 de xuño en Ferrolterra ante a dramática situación desta comarca, que rexistra unha taxa de paro do 32% e viu como pecharon 26 empresas e se autorizaron 14 expedientes de regulación de emprego no último ano.
Ademais de reunírense con representantes da CIG en Navantia e de GAMESA e ALSTOM, Xavier Vence e o portavoz municipal do BNG de Ferrol, Iván Rivas, participaron nun acto enmarcado na campaña Non é unha crise, é un roubo que se desenvolveu no Centro Cultural Torrente Ballester. Neste evento participaron tamén persoas afectadas polo paro das empresas auxiliares naval e das participacións preferentes, así como portavoces da plataforma en defensa do ferrocarril e do trazado alternativo do porto exterior.
Ferrolterra precisa erguerse contra quen causa esta desfeita: as políticas do PP na Xunta e no Estado e da Unión Europea, que lastran o desenvolvemento económico e social desta comarca ao impedir producir e aproveitar os nosos propios recursos, afirmou. Por iso no BNG demandamos soberanía, para poder administrar dende Galiza os nosos propios recursos e para tomar as decisións políticas acordes aos intereses do noso país, destacou o portavoz nacional.
O levantamento do veto á construción naval civil é esencial para a supervivencia dos estaleiros de Ferrolterra, sinalou, e reivindicamos ademais a descentralización de Navantia e que a Xunta entre no Consello de Administración para poder defender o sector naval de Galiza dende Galiza e non servir aos intereses alleos dos que gobernan en Madrid e en Bruxelas.
Avogou tamén pola necesidade de que as empresas que producen no noso país, como Navantia neste caso, paguen os seus impostos en Galiza e non en Madrid porque esa é outra das reivindicacións do BNG para xerar riqueza no noso país.
Perda de 1.500 postos de traballo no sector eólico da comarca
Previamente, Xavier Vence mantivo encontros con traballadores de GAMESA e de ALSTOM co obxectivo de coñecer de preto a súa situación e de amosarlles o apoio e as iniciativas do BNG acordes ás súas reivindicacións laborais.
No caso de GAMESA e ALSTOM, empresas radicadas nas Somozas e dedicadas á construción de palas para eólicos, foron das que padeceron as consecuencias da paralización do Plan Eólico, a pesar de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza tombou a decisión do PP de anular o concurso impulsado polo BNG no Goberno da Xunta, de xeito que os danos causados foron irreversíbeis para o sector.
Dentro dese proceso, pretenden a extinción definitiva de 80 postos dos 240 que ten GAMESA na planta das Somozas, ao suprimir unha das dúas liñas de produción, e polo peche definitivo de ALSTOM que supón o despedimento de 63 empregos.
Neste sentido, o BNG aposta por vixiar dende a Xunta e o Ministerio de Industria polo mantemento dos postos de traballo, de acordo ás axudas públicas á industrialización que percibiron estas compañías. O portavoz nacional insistiu, ademais, na responsabilidade do PP no proceso de liquidación do Plan Eólico, que na comarca de Ferrolterra supuxo a perda de 1.500 postos de traballo no sector nos últimos cinco anos, cando Galiza podería aproveitar mellor os seus recursos.